O concelleiro de Medio Rural achegouse ata o Lameira, onde se están executando os traballos, que en total supoñen unha inversión de cerca de 14.000 euros
O Concello de Marín vén de poñer en marcha un plan integral de limpeza e conservación dos ríos do municipio, co obxectivo de garantir a protección dos ecosistemas fluviais e mellorar o seu estado ambiental, unha iniciativa que xa se leva a cabo desde hai varios anos e que é fundamental para evitar problemas nas crecidas.
Os traballos consisten no triturado da maleza presente nos laterais e fondos dos cauces, así como na retirada e traslado ao vertedoiro dos troncos de gran tamaño que non se poidan triturar, ademais de plásticos e outros obxectos que supoñan un risco para a saúde dos ríos.
As actuacións desenvolveranse nas seguintes localizacións:
● Río Lameira: dende a ponte Zapal ata a ponte de Coirados, incluído o regato que pasa por detrás do colexio Sequelo.
● Río da Grela: dende a ponte de Coirados ata o lavadoiro da Presa.
● Río da Laxe: dende a ponte do camiño do Peso ata a parcela situada detrás do supermercado Mercadona, incluíndo o corte e recollida das canas no talude do colexio A Laxe.
● Río Lapamán: dende a estrada xeral ata o camiño.
● Río Castiñeiras: dende o lavadoiro de Coirados ata o muíño antigo en A Roza.
O persoal encargado destas tarefas conta con formación específica en xestión e aproveitamento de espazos fluviais e piscícolas, co fin de asegurar unha intervención respectuosa co medio.
O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, visitou hoxe a zona do Lameira, onde a empresa adxudicataria xa está a acometer os primeiros traballos, destacando a importancia desta actuación “para preservar a saúde dos nosos ríos e evitar posibles riscos ambientais”. A inversión que se está a realizar na execución destes labores é de case 14.000 euros.