Conservaránse as árbores que hai entre o Concello e os Xulgados, ampliando a beirarrúa e creando uns novos alcorques para substituir os actuais parterres
As obras de humanización da Avenida de Ourense volven coller forza, avanzando neste momento no tramo que vai desde o Concello ata a Biblioteca Pública Vidal Pazos.
Tal e como explican desde a empresa, estase a actuar nesta zona co obxectivo de ampliar a beirarrúa á vez que se manteñen as árbores existentes. Para iso, eliminaranse os parterres de herba e crearanse uns alcorques de tamaño adaptado aos exemplares plantados.
Con esta actuación, ganarase máis espazo para os peóns, dado que actualmente a beirarrúa é demasiado estreita para o importante uso que se lle dá a esta zona, chea de instalacións clave: o Concello, Aduanas, os Xulgados, a Biblioteca… e que soporta moito tránsito peonil.
A humanización, que está sendo levada a cabo polo Goberno de España, xa avanzou en toda a fase de Cantodarea e ata o punto fronte ao astillero de Nodosa, onde se ubicará a rotonda que regulará mellor o tráfi co e que será a última fase de execución.
Ao rematar todo o itinerario, actuarase no pavimento da calzada e repintarase o eixo dos carrís de circulación. Ademais, dentro do proxecto está incluída a renovación das farolas e puntos de luz, namentres que a instalación de bancos e outro mobiliario urbano de xardinaría correrá a cargo dos fondos propios municipais.