O Concello de Vilaboa convoca unha nova edición do Concurso de Postais de Nadal para escolares, con idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos e no que haberá catro categorías, atendendo á idade dos participantes. Os rapaces e rapazas poderán entregar os seus traballos a través do correo info@vilaboa.org ata o 19 de decembro ou de xeito presencial na Casa de Cultura de Riomaior, nos centros educativos do municipio ou no propio Concello. O fallo darase a coñecer o día 20 a través da web e as redes sociais.
O xurado, integrado por membros do Concello de Vilaboa, valorarán a creatividade, orixinalidade e boa interpretación do tema do concurso, así como as habilidades gráficas demostradas acorde á idade do participante.
Cabe recordar que continúa aberto, ata o 9 de decembro, o prazo para participar no Concurso de Iluminación e Decoración de Nadal e no I Memorial Gonzalo Gondar que promove a dinamización de barrios e rúas convidando á veciñanza a crear grupos creativos cos que ambientar espazos públicos, viais, ou recunchos próximos.