A concelleira Itziar Álvarez e a artista marinense Laura Romero presentaron esta mostra, que se inaugurará hoxe ás 20.00 horas
As instalacións da Academia O Roibén serviron para presentar por parte da ilustradora marinense Laura Romero e a concelleira Itziar Álvarez a exposición
“Debuxos e pinturas”, unha mostra grupal do alumnado do centro, que se inaugurará hoxe ás 20.00 horas no Museo Municipal Manuel Torres.
Tal e como explicou Romero, “esta é a primeira exposición conxunta que facemos, na que participa o alumnado adulto e o profesorado”. Serán ao redor de 40 obras de diferentes formatos e técnicas, abordando os xéneros do retrato, o bodegón e a paisaxe.
Desde a academia quixeron “agradecer ao Concello esta oportunidade” e a concelleira remarcou a importancia que ten “abrir os espazos culturais do Museo ás persoas que dinamizan e ensinan arte na nosa vila, como é este caso”.