Xestionará máis de dous millóns de euros en axudas para proxectos no seu territorio

O GALP Ría de Pontevedra inicia unha campaña informativa sobre a apertura dunha nova  convocatoria das axudas FEMPA 2021-2027 para a anualidade 2024 dirixidas a impulsar proxectos que contribúan ao desenvolvemento sostible da Ría de Pontevedra. Contan cun financiamento do 70 % por parte do FEMPA e do 30% por parte da Consellería do Mar. Neste ano, o prazo de presentación de proxectos finaliza o 29 de febreiro.

O GALP Ría de Pontevedra xestionará máis de dous millóns de euros en axudas para proxectos no seu territorio que promovan a sostibilidade ambiental, asegurando que as operacións financiadas se manteñen en consonancia coa política pesqueira común e a lexislación ambiental da Unión

As axudas están enmarcadas no Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027. E a convocatoria de axudas ao amparo do FEMPA está rexida pola Orde do 28 de decembro de 2023, que establece as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP).

As xornadas de presentación

Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra, en colaboración cos Concellos de Meaño e Poio, organiza nesta vindeira semana xornadas de presentación  das axudas dirixidas a empresarios/as, asociacións e entidades do sector pesqueiro e público en xeral.

Estas xornadas teñen como propósito detallar as bases da convocatoria, resolver dúbidas e guiar ás persoas e entidades interesadas no proceso de solicitude.

A primeira xornada, que será o martes 6 de febreiro, está dirixida a autónomos/as e empresas, e terá lugar ás 17:00 horas na Casa da Cultura de Meaño (R/Campo da Feira, 17). Ás 18:30 horas, no mesmo espazo, terá lugar a presentación dirixida a asociacións. A segunda xornada, o xoves 8 de febreiro, terá lugar no Concello de Poio, no Casal de Ferreirós (Av. Andurique, 43), ás 11:00 horas. .

O GALP Ría de Pontevedra anima a todas as persoas e entidades con ideas ou proxectos para desenvolver en torno ao mar e que contribúan ao desenvolvemento sustentable e integrado da Ría de Pontevedra a asistir a estas xornadas e a aprender máis sobre as oportunidades de financiamento dispoñibles.

O GALP espera que, nesta nova convocatoria, os proxectos subvencionados sexan tanto ou máis frutíferos que os de anos anteriores e está a traballar con cada un dos concellos do territorio para facilitar a posibilidade de solicitude de proxectos e achegar información á cidadanía.

Para máis información e inscricións, pódese contactar co GALP Ría de Pontevedra a través do teléfono 886 213 015 ou do correo electrónico gacpontevedra@gmail.com

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *