Aínda que os galáns e as madamas do entroido de Cobres, en Vilaboa, non cesan durante o ano no seu afán de «traballar para ser algo máis», en poucos días vivirán esta festa local no seu máximo esplendor. Será do sábado 10 de febreiro ao martes 13. Tres días nos que preto de 80 persoas desde os cinco aos oitenta anos levarán a cultura e o patrimonio local por todos os barrios. Case todos os días estarán prácticamente toda a xornada, de 10:00 a 19:00 horas para culminar o primeiro día coa gran verbena na carpa ás 22:00 horas. Estará amenizada polo Trío Tic Tac, a orquestra América de Vigo e DJ Charlie.
Ao día seguinte, domingo 11, a actividade para a Asociación Cultural Cobres Vilaboa empezará novamente temperán. Teñen visita á veciñanza para rematar co Trío La Noche. Xa co comezo de semana, o luns 12 de febreiro, a velada tras unha intensa xornada de baile polos barrios correrá a cargo do trío Digital e da orquestra Saudade. Por último, o Martes de Entroido, 13 de febreiro, a actividade polas parroquias redúcese ata as 13:00 horas para gozar da sesión vermú con comida e amenizada novamente polo Trío Digital. Xa desde as 16:30 horas tocaralle a quenda á tradicional Corrida do Galo, presentada por ISI da TVG, na que haberá Galo no río e na vara, ademais de concursos. Por primeira vez unha muller será a predicadora e, neste caso, a elixida é a influencer @letidataberna. Como colofón, queima do Galo, gran tirada de fogos artificiais. O remate dá festa estará da man de DJ Gabry.
O Entroido de Cobres é moito máis que unha festa, é un anaquiño de cultura local que busca abrirse camiño nacional e internacional. Na súa loita por logran o distintivo de Ben de Interese Turístico Nacional Asociación e Concello fusionaron a tradición coas novas tecnoloxías. Tanto a través da web creada nos últimos meses como tamén no propio cartel. Nel hai dous códigos QR, o primeiro para acceder á páxina www.entroidodecobres.com e o segundo para, a través de whatsApp, poder seguir en vivo o percorrido dos bailaries polos barrios porque, recoñeceu o presidente do colectivo, Martín Duarte, «non é o mesmo mirar o entroido que vivilo».
Pola súa banda, o alcalde César Poza destacou da «singularidade» deste Entroido pola súa indumentaria pero tamén, engadiu o presidente da Asociación, «porque somos os únicos que imos coa cara destapada». Tamén polo seu colorido e pola estrela do vestiario, o tradicional gorro de flores que hoxe foi a estrela na presentación da programación para este 2024. Tanto a concelleira de Promoción Económica, Carmen Gallego, como o propio rexedor animáronse a colocarllo sobre a cabeza para sentirse, ou polo menos tentalo, un galán e unha madama do Entroido de Cobres.