Afamo, grazas á colaboración da Xunta e dos concellos de Cangas, Moaña e Vilaboa, pon en marcha o proxecto «A Música nos Oficios e Labouras do Noso Mar» que permitirá aos seus usuarios participar en actividades relacionadas coa cultura mariñeira durante tres anos
O mar e a música, dúas ferramentas que se complementan á perfección para traballar coas persoas con Alzhéimer e outras demencias, persoas con discapacidade e colectivos de mulleres. Baixo estas premisas nace «A Música nos Oficios e Labouras do Noso Mar», un proxecto da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer do Morrazo (AFAMO) que ve a luz grazas á achega económica do sector pesqueiro, o educativo e a administración. Tres patas que inclúen ao Galp Ría de Vigo-A Guarda, aos concellos de Moaña, Cangas e Vilaboa e a entidades como o Instituto de investigacións Mariñas CSIC, Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, Cooperativa Socomgal, as cofrarías de pescadores de Moaña e Vilaboa, a Asociación de Mulleres de Moaña, Asociación Sueste e o IES Paralaia.
O salón de plenos moañés foi o encargado o pasado luns de acoller a presentación deste proxecto que ten como obxectivo principal o fomento do benestar social e do patrimonio cultural das zonas pesqueiras e acuícolas dos Concellos de Moaña, Cangas e Vilaboa. No acto participaron representantes dos gobernos locais de Moaña e Vilaboa e tamén da oposición.
No caso de Cangas, a explicación a usuarios e membros do goberno local tivo lugar onte na Cámara Agraria.
O número de persoas beneficiarios achégase ao medio milleiro, onde máis do 70% son mulleres dos centros de Afamo en Cangas, Moaña e Vilaboa, ademais de en o centro ocupacional Xoán XXIII de Cangas, que participarán en actividades durante tres anualidades: 2023, 2024 e 2025.
A parte técnica do proxecto será a cargo da Fundación Legar co traballo do investigador Xavier Blanco e do equipo técnico de Afamo. Ademais, contarán con dúas profesionais (psicóloga e fisioterapeuta) para as avaliacións e apoio nas actividades.
¿En qué consisten as actividades?
O proxecto divide en tres partes. A primeira estará centrada na investigación, divulgación e sensibilización. Realizaranse roteiros sonoros por espazos mariños con colaboración e os tres concellos participantes e do alumnado do IES A Paralaia nas que os usuarios gozarán de representacións didácticas musicais con instrumentos de raíz relacionados co mar. Tamén se prevé a preparación dunha obra de teatro musicada, «Os sons do mar», cuxa representación servirá para conmemorar o Día Mundial do Alzhéimer.
Haberá charlas divulgativas centradas na cultura mariñeira, actividades coas mariscadoras da pé, visitas a praia e lonxa para observar de preto como é ou seu traballo, na sementeira de marisco e na recollida de lixo e de algas.
Ademais de participar activamente en festas gastronómicas como a do mexillón de Moaña, os maiores de Afamo tamén crearán os seus propios instrumentos musicais mariños utilizando recursos como cunchas de vieira, de mexillón ou de ameixa. Estes instrumentos ancestrais, segundo a asociación, emiten sons puros e harmoniosos que poden influir positivamente na enerxía vital das persoas.