Comeza a primeira edición do coworking do Morrazo, que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), pon en marcha desde hoxe en Moaña e no que participarán os promotores de 16 proxectos empresariais que recibirán formación, asesoramento e titoría durante os próximos cinco meses para desenvolver as súas iniciativas.
O director do Igape, Juan Cividanes, visitou hoxe as instalacions e animou aos participantes desta primeira convocatoria a seguir impulsando o ecosistema emprendedor da comarca do Morrazo, mellorando a súa competitividade. Cividanes destacou a vocación e o dinamismo empresarial que demostran coa posta en marcha de iniciativas centradas en sectores como as TIC, a moda e os servizos de consultoría a pemes.
Así, as actividades dos 16 emprendedores -10 mulleres e 6 homes- que participan nesta
aceleradora desenvolverán, entre outros, proxectos que ofertan servizos de asesoramento a profesionais e pequenas empresas en ámbitos diversos, novas tecnoloxías e contidos web, un gabinete de mediación para evitar solucións contenciosas e a creación de talleres téxtiles e a habilitación de espazos compartidos de produción neste eido. Xunto con isto, outras das temáticas serán a economía circular, o turismo e os servizos relacionados coa saúde e a atención a persoas maiores.
Estes días están a dar comezo tamén as accións de formación e asesoramento no resto de espazos coworking da rede impulsada pola Xunta que, ademais da do Morrazo, nesta edición contará con outras dúas novas aceleradoras.