Os GALP Ría de Pontevedra, Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda organizan este congreso, que se poderá seguir en streaming, ao amparo do proxecto de cooperación Mar das Illas 3
Acompañar aos traballadores e traballadoras do mar durante a faena e coñecer en que consiste o seu labor, que aparellos empregan, que especies capturan, en definitiva, achegarse á súa profesión e á súa relación co noso Atlántico, é o que ofrece o turismo mariñeiro. Unha experiencia para descubrir todo o esforzo que hai detrás dun mexillón, unha ameixa ou un sargo e valorar os recursos que ofrece o océano.
O GALP Ría de Pontevedra, en colaboración cos GALP Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda, traballa para que desde sector se animen a poñer en marcha este tipo de iniciativas e divulguen o seu ben facer e a calidade do produto local, no marco do proxecto de cooperación Mar das Illas, que se atopa na súa terceira fase de execución.
O vindeiro 24 e 25 de setembro celebrarase a Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro e Pesca-turismo, así como tres actividades para divulgar o marisqueo entre a comunidade educativa de Bueu, Redondela e a Pobra do Caramiñal. Así o acordaron na reunión mantida esta mañá en Marín, a xerente do GALP Ría de Pontevedra, Laura Nieto Zas, a xerente do GALP Ría de Arousa, Rosa Carballo Martínez, a representante da Asociación Mar Seguro de Galicia, Paula Pardo Fernández, a técnica de Babadiva Ambiental, Mª Teresa Ramos Covelo, e Loreto Alonso Santoro de Spica sistemas audiovisuais.
A crise do coronavirus fixo que o programa previsto para a Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro e Pesca-turismo tivese que mudarcara aunha fórmula que combinará conferencias online e presenciais.
O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá a primeira xornada do evento o día 24 de setembro, de 16:00 a 19:00 horas. Trala inauguración e presentación do congreso, que poderá seguirse en streaming, darán comezo as seis exposicións, tres delas online. As exposicións farán unha radiografía do estado no que se atopa o turismo mariñeiro en Europa e relatarán algunhas das experiencias que se están a desenvolver en Galicia, Portugal ou Cerdeña (Italia). Ademais, informarán sobre os resultados do programa Mar das Illas 3.
As entidades e persoas interesadas en acudir a este evento deberán inscribirse previamente; o aforo será para un máximo de 30 asistentes. Todos eles estarán obrigados a cumprir coas medidas hixiénico-sanitarias pertinentes (uso de máscaras, xel hidroalcohólico e distancia física).
A Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro e Pesca-turismo continuará o 25 de setembro coa realización dunha visita guiada ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas con saída e chegada desde Cangas na que participarán esa trintena de persoas anotadas previamente.
Xornadas abertas
A finais deste mes, tamén se poñerán marcha tres xornadas abertas á cidadanía co obxectivo de que as mariscadoras e mariscadores das rías de Pontevedra, Arousa e Vigo lles conten aos visitantes como é o seu día a día na praia, que aparellos e técnicas utilizan para mariscar, os trazos característicos de cada especie. Trátase dunha actividade dirixida á comunidade educativa de Bueu, Redondela e a Pobra do Caramiñal.
Proxectos
Este ano naceron ao abeiro deste proxecto seis novas iniciativas, tres de turismo mariñeiro e tres de pesca-turismo. Desde Sanxenxo, Sauro Martínez Durán, explicaralle todo sobre a pesca artesanal aos viaxeiros, e Francisco Javier Costa García, desde Cangas, fará o mesmo coa pesca con palangre.Pola súa banda, Rosa María Millán Romero, na Pobra do Caramiñal, e Severino Casal Viz, en Redondela, ocuparanse de dar a coñecer as características do marisqueo a pé. E en Vilanova de Arousa, Eduardo Martínez Romero, informará sobre o cultivo do mexillón e José Manuel Agulla Piñeiro descubriralles a cultura mariñeira da vila de Bueu.
O proxecto de cooperación Mar das Illas conta coa colaboración do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a Federación Provincial das Confrarías de Pontevedra e a Asociación Mar Seguro de Galicia. Está financiado pola Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).