O respaldo municipal aos comedores escolares supera os 5.000 euros neste ano 2020
O Concello de Vilaboa remata o ano cun investimento que supera os 20.000 euros en axudas e subvencións a actividades culturais e de interese para o conxunto de veciños e veciñas deste municipio. Entidades culturais, deportivas e os comedores escolares tiveron opción este ano 2020 á colaboración municipal para sacar adiante a súa programación.
En materia cultural, e seguindo uns criterios de reparto de concorrencia competitiva, a Escola de Música de Vilaboa recibe algo máis de 7.000 euros para sufragar parte dos gastos de mantemento da propia entidade e a Asociación Cultural Cobres recibe case 5.000 euros pola súa promoción e difusión da tradición cultural do concello de Vilaboa.
Tamén os comedores escolares contan co respaldo do Concello. O alcalde, César Poza, considera que son “claves para a conciliación das familias traballadoras”, sen esquecer que permiten mellorar a educación nutricional dos escolares. Contan co apoio do Concello desde a súa posta en funcionamento e este ano teñen unha partida de 5.000 euros que se distribúe entre as ANPAs do CEP Plurilingüe de Riomaior e o CPI de O Toural.
Por último o Concello concede tamén unha axuda ao Club Náutico de Cobres de 4.000 euros destinada á mellora das súas instalacións. A forte demanda entorno a esta entidade deportiva está a xenerar unha importante expansión do club, que afronta unha ampliación do ximnasio ao quedarse pequeno para o crecente volume de deportistas de diferentes categorías que adestran nas súas instalacións.