O departamento de Medio Ambiente del Concello de Bueu levou a aprobación inicial na Xunta de Goberno deste luns o plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais. Unha vez aprobado definitivamente, o Concello solicitará a adhesión ao convenio coa Xunta para a xestión de biomasa no entorno dos núcleos de poboación.
O extenso documento técnico, encargado ao enxeñeiro técnico forestal Manuel Peixoto Torres, terá un período de exposición pública de 20 días hábiles desde a súa publicación no BOPPO, e poderase consultar no Concello, na web e no portal de trasparencia locais. A posterior remisión a Medio Rural será o seguinte trámite tras case dous anos de elaboración, e co mesmo será posible a adhesión futura do Concello de Bueu ao convenio coa Xunta de Galicia para a xestión de biomasa no entorno dos núcleos de poboación.
A aprobación deste documento e a futura entrada no convenio autonómico permitirán nun primeiro momento notificar e ordear ás persoas propietarias dos terreos forestais próximos aos núcleos de poboación para que os manteñan en condicións e evitar o risco de incendios. Tamén serán uns instrumentos válidos para que se poida ordear e executar de forma subsidiaria a xestión de biomasa e retirada de especies arbóreas neses entornos, ademais de marcar os traballos a levar a cabo nos terreos de titularidade municipal.
Para o responsable de Medio Ambiente, Xosé Leal, o Concello conta agora cunha ferramenta que “en canto estea aprobada definitivamente e entremos no convenio coa Xunta vai poder darnos amparo ante as numerosas instancias que presenta a veciñanza que ve como no entorno das súas vivendas hai especies arbóreas que son un perigo; queda traballo aínda por facer pero é un paso adiante que custou
levar adiante”.
Neste aspecto, a xestión deste plan que comezou con Martín Villanueva ao final do mandato pasado e seguiu coa ex concelleira Tamara Sotelo neste, tivo un impulso final segundo Leal “coa chegada da técnica de administración xeral ao departamento de Urbanismo e Medio Ambiente co cal agora a mellora da xestión destes aspectos relacionados coas franxas forestais vai redundar nun mellor servizo que prestemos á veciñanza de todas as parroquias e lugares de Bueu con masa forestal”.
O documento está estruturado en cinco puntos. No primeiro estúdase o municipio e as redes secundarias de xestión de biomasa; o segundo analiza o risco existente para cada unha das áreas afectadas e define elementos vulnerables (colexios, parques industriais, infraestruturas críticas…); o terceiro define os niveis de activación do plan segundo a perigosidade; o cuarto organiza aos/ás responsables municipais en grupos de traballo; e o quinto, establece as normas xerais de actuación para cada responsable do grupo.