O importe dos traballos é de 48.000 euros e conta cun prazo de execución de 2 meses
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou as obras para o acondicionamento de beirarrúas na estrada autonómica PO-551, ao seu paso polo concello de Bueu. O contrato foi adxudicado á empresa Construcciones Enrique C Casas S.L., por máis de 48.000 euros e conta cun prazo de execución de 2 meses.
Trátase de mellorar a estabilidade da beirarrúa peonil existente na marxe dereita da estrada autonómica, nun treito de 120 metros de lonxitude, entre os puntos quilométricos 11+250 e 11+370. Nesta beirarrúa produciuse un asentamento do recheo sobre o que discorre.
Os traballos obxecto deste contrato consisten na construción dun muro de perpiaños para conter a base da zona de circulación peonil, a posterior execución dun novo recheo e, por último, a pavimentación da beirarrúa nova, cun ancho medio de 1,80 metros e pavimento de baldosa hidráulica.
Ademais, nos vaos peonís previstos, no extremo da beirarrúa, colocarase pavimento táctil direccional ou de botóns. Finalmente, realizarase a reposición da sinalización da estrada e colocarase unha varanda que permita protexer do desnivel existente nalgúns tramos da beirarrúa.
As obras programaranse en función da afección ao tráfico e coordinarase coa execución dos traballos que lle corresponden ao Concello de Bueu, consistentes na modernización dos servizos existentes baixo a dita beirarrúa. En concreto, procederá á retirada de conducións de fibrocemento existentes e á disposición de novas tubaxes en substitución das anteriores