A gran maioría son privadas, pero cinco delas, a de Cantodarea; a das barriadas de Virxe do Carme e de Mogor; a de Ardán e a de Igrexario de San Xulián son comunitarias e respectarán todas as medidas sanitarias vixentes, prohibindo a posibilidade de repartir comida ou bebida
Achégase unha das noites máis especiais e máxicas do ano en Marín. Mañá ás 00.00 horas acenderanse as fogueiras de San Xoán e celebrarse esta tradición tan arraigada no municipio, contando con todas as medidas de seguridade. A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, informou esta mañá de que o Concello tramitou cerca de 100 autorizacións para a instalación de fogueiras privadas e 5 comunitarias: no Igrexario de San Xulián, en Miñán, na Virxe do Carme, na Barriada de Mogor e en Cantodarea.
Cos organizadores desta última, a Asociación de Amijos e Vesiños de Cantodarea, estiveron esta mañá Sanmartín e a concelleira de Turismo, Cristina Acuña, para coñecer os últimos detalles que estaban a realizar na espectacular fogueira deste ano, que recrea a tamaño real o faro da Illa de Tambo, acompañado dunha chalana con representacións do virus que será queimada no rito do San Xoán.
“Todas estas fogueiras comunitarias seguirán unha serie de normas de control de aforos, entradas e saídas marcadas e non poderán ter postos de venda de comida ou bebida”, explicou a concelleira, que remarcou que este foi o mesmo protocolo que se aplicou o pasado ano con gran éxito.
O que tamén se repetirá será o peche das praias para evitar aglomeracións nelas. Polo tanto, entre as 21.00 e as 21.30 horas, a Policía Local procederá ao seu precintado.