As concelleiras esta mañá presentando o programa de dinamización.

Esta programación será consultable a partir do martes da semana que vén a través da web do Concello e seguirá o formato do ano pasado: actuacións espalladas polas rúas e prazas do centro urbano, con grupos e talento local e con opcións para toda a familia, tanto ao mediodía como á noitiña

Un verán con xeito. Iso é o que nos espera desde o arranque do mes de xullo ata setembro! Volvemos apostar por un intenso programa de dinamización musical, cultural e de ocio que nos permita gozar dunha das estacións máis bonitas do ano no noso municipio, apoiando ao talento local e poñendo en valor as nosas rúas e prazas.

As concelleiras Marián Sanmartín e Raquel Soage presentaron esta mañá a campaña de dinamización do verán, que só no mes de xullo aglutinará case 50 actuacións de música, maxia, folclore e outras disciplinas, que se sumarán ás citas grandes anunciadas para os días centrais das Festas do Carme.

O programa completo poderá consultarse de xeito online, accesible a través dun QR e da web do Concello, e permitirá que as actuacións que organice a hostalaría pola súa banda poidan incorporarse á parrilla para poder darlles visibilidade.
Iranse anunciando as citas programadas ata finais de xullo e a medida que avancen as semanas incluiranse máis detalles de todo o que está a preparar o Concello para agosto e setembro.

Un pequeno formato que revalidará o éxito do ano anterior, espallado por distintos puntos do centro urbano e cun marcado carácter local, para toda a familia e co obxectivo de gozar dun verán de festas, de solpores, de música, de praia e de xogos para os máis pequenos, tal e como se pode ler na campaña promocional lanzada hoxe polo Goberno local.

“Queremos replicar o traballo que realizamos o pasado ano, apostando polo terraceo, pola hostalaría, porque sabemos que é un motor de dinamización económica que se funciona axuda a que todo o demáis tamén funcione”, explicou Sanmartín durante a rolda de prensa.

No caso de que algún establecemento queira sumar a súa programación á do Concello, pode enviar a súa información ao email prensa@concellodemarin.es “Apostaremos, ademais, por todo o talento marinense e local, grupos de música e de dinamización que sexan da nosa vila e da contorna”, engadiu. Coma sempre, cumplirase con todos os protocolos sanitarios vixentes en
cada momento.

Unha programación paralela ás grandes citas das Festas do Carme

Tal e como xa se anunciou a pasada semana, os días grandes das Festas do Carme terán o seu propio cartel, que se presentará para a vindeira semana, terán actuacións de gran formato, en sillas e co aforo limitado, a través da reserva de entrada previa gratuita. Serán o concerto de DVicio e da París de Noia, sempre que a proba piloto de mañá saia ben, e a actuación de maxia de Pedro Volta.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *