Representantes dos traballadores do servizo de emerxencias na comarca do Morrazo reuníronse onte coa alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, para pedirlle a súa colaboración tras o último informe médico emitido por 061 no que asegura que non é necesario reforzar a asistencia sanitaria cunha ambulancia máis alegando que «a ambulancia de Cangas e Moaña non aumentou demasiado a súa actividade».
Un informe que desde a Cig critican ao consideralo parcial debido a que nel a administración autonómica «non entra a valorar» os servizos que teñen que ser atendidos por ambulancias de fóra de Cangas e Moaña e, mesmo, doutros municipios da área de Vigo porque as da comarca morracense atópanse ocupadas co risco que iso supón para a saúde do enfermo ou enferma ao aumentar o tempo de espera. Algo que sucede con demasiada frecuencia e que levou, por exemplo este verán, á desprazar vehículos mesmo desde Porriño para atender a un afogado na Xunqueira porque as ambulancias de Cangas, Moaña e Bueu atopábanse noutros servizos no momento da emerxencia.
A incorporación dunha ambulancia de reforzo na comarca supoñería unha mellora do servizo de atención ás emerxencias, por tanto, unha redución dos tempos de espera e facilitaría aos profesionais sanitarios do PAC de Cangas os desprazamentos ás emerxencias e aos domicilios que agora realizan nos seus propios vehículos ou en taxi. En moitas ocasións desde o centro sanitario teñen que recorrer a Protección Civil de Cangas para poder chegar a tempo a atender as emerxencias pola falta de medios para desprazarse.
Así, na reunión os representantes sindicais entregaron á rexedora unha listaxe con preguntas crave que Leticia Santos comprométese a trasladar de forma oficial á dirección do 061 para «obrigarlles» a responder a elas con datos e «tratar de esclarecer a verdadeira situación da atención sanitaria de emerxencias na comarca do Morrazo».
Santos comprometese a «trasladar as preguntas propostas e posiblemente algunhas máis, somos conscientes de que o servizo de ambulancias asistencias é moi escaso, iso fai que en ocasións a nosa veciñanza teña que agardar un tempo de espera por unha ambulancia que non é o axeitado. Xa vivimos esperas tan elevadas que puxeron en risco ás persoas. Isto agravase pola falta de urxencias en Moaña, así que desde o Concello seguimos a esixir a súa volta e o reforzo das ambulancias».