A Xunta Local de Seguridade de Bueu esta mañá.

O municipio do Morrazo, con 26 casos activos, convértese no décimo cuarto da provincia en formar parte do Programa de Seguimento Integral das Vítimas de Violencia de Xénero VioGén

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá a Xunta Local de Seguridade do Concello de Bueu na que se subscribiu o protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local no marco do programa de Seguimento Integral das Vítimas de Violencia de Xénero. Este protocolo de colaboración é necesario para formalizar a adhesión do municipio ao Sistema VioGén.

Na actualidade segundo os datos recollidos no Sistema VioGén, en Bueu contabilízanse a día de hoxe 26 casos activos de violencia de xénero. Esta cifra supón o 2 % dos casos activos na provincia de Pontevedra e o 36,6 % dos casos activos en todo o partido xudicial. O 73 % das vítimas de violencia de xénero que se rexistran en Bueu ten menos de 45 anos. Para completar a súa adhesión ao Sistema VioGén, o Concello deberá asinar agora o convenio co Ministerio do Interior para o acceso ao Sistema de Seguimento Integral en casos de violencia de xénero.

O documento foi asinado polo alcalde, Félix Juncal, e polo coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, Simón Venzal. Con esta adhesión, Bueu convértese no décimo cuarto municipio da provincia en formar parte deste programa de protección de vítimas de violencia de xénero do Ministerio do Interior.

Maica Larriba aproveitou a Xunta Local de Seguridade para felicitar ao alcalde
e a todo o equipo de goberno por “afianzar o seu compromiso contra a lacra da
violencia machista asinando este protocolo”. “Debemos seguir traballando man
a man desde as administracións para frear unha das eivas máis importantes da
nosa sociedade como é a violencia contra a muller e para iso é fundamental
seguir dotando esta loita de recursos e esforzos”, sinalou a subdelegada.

A firma do protocolo que hoxe tivo lugar é o primeiro trámite que deben
formalizar todos aqueles municipios que desexen integrarse no Sistema
VioGén. O protocolo recolle o reparto de funcións e asignacións de vítimas
entre as Forzas e Corpos de Seguridade. Larriba destacou a importancia deste
documento, que permite que “as forzas e corpos de seguridade local e estatal
poidan compartir información e recursos e establecer uns criterios básicos de
colaboración e coordinación, de xeito que se garanta o cumprimento eficaz das
medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero”. En
particular, o protocolo delimita as funcións da Policía Local no ámbito da
violencia de xénero e define o seguimento e reparto dos casos, o que permite
sumar máis efectivos e recursos á protección das vítimas.


Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *