O proxecto xa se atopa en fase de licitación e contempla a substitución de fiestras e portas en aulas, baños, laboratorios, salas e zonas de administración e a reparación de elementos deteriorados no ascensor, o pavillón e os vestiarios
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, está a impulsar a mellora de eficiencia enerxética, principalmente a través dun cambio de carpintarías exteriores, no CPI O Toural, no Concello de Vilaboa, cun investimento de 115.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou esta mellora nunha visita realizada esta mañá ao colexio público na compaña do alcalde de Vilaboa, César Poza, o xefe territorial de Educación, César Pérez, e responsables da unidade técnica. “O pasado ano dende a Xunta acometemos unha importante renovación de parte da carpintaría exterior deste colexio e seguimos a investir de xeito constante na modernización dos centros educativos da provincia ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. Por ilo, imos completar de inmediato a reforma deste colexio de Vilaboa coa adopción de novas medidas tendentes a conseguir a plena eficiencia enerxética para outorgar unha maior confortabilidade á comunidade educativa”, sinalou o representante autonómico.
Esta actuación xa ten o proxecto redactado e agora mesmo atópase en fase de licitación co obxectivo de adxudicar os traballos nas vindeiras semanas e que poidan comezar no arranque do vindeiro ano. Estas obras, que teñen un prazo de execución de dous meses, desenvolveranse durante o segundo trimestre cun cronograma fixado para que os traballos no interior do inmoble se fagan en períodos non lectivos ou fóra do horario escolar para non interromper as clases.
A primeira fase, realizada o pasado exercicio, consistíu no cambio das fiestras de aceiro por outras en PVC con vidro dobre na zona de educación infantil, a biblioteca e varias aulas. Agora resta por acometer a substitución de ventás e portas nos baños, o laboratorio, salas específicas, a zona de administración e as aulas restantes, así como corrixir ou reparar certos elementos deteriorados que xeran filtracións de auga no casetón do ascensor, o porche e o pavillón e as cubertas dos vestiarios.
Esta renovación das carpintarías exteriores ata completar a totalidade do centro complementarase tamén coa execución de certos acabados e o pintado xeral de todas as zonas escolares que acollerán estas obras.