O vindeiro xoves, 4 de novembro, os colectivos de xubilad@s e pensionistas da CIG realizarán concentracións en toda Galiza para reivindicar unhas pensións públicas dignas e a prol da creación dun sistema público galego de atención ás persoas dependentes.
Dentro destas mobilizacións, o Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG-O Morrazo concentrarase, ás 12:00 horas, diante do Concello de Moaña para reclamar pensións dignas e denunciar que os pensionistas da Galiza seguen a percibir as segundas pensións máis baixas do estado, sendo a pensión media inferior ao SMI e estando máis da metade dos pensionistas cobrando unha pensión inferior aos 736,34 euros. Polo que demandaremos que non haxa pensións inferiores ao salario mínimo e que as pensións públicas non sexan privatizadas ao través dos chamados “plans de pensións de emprego”.