As iniciativas abranguen accións de mellora medioambiental, patrimonial e da competitividade empresarial do sector pesqueiro
Tras rematar o prazo de alegacións contra a resolución provisional da primeira convocatoria anual das axudas da Consellería do Mar e do Fondo Europeo do Mar (FEMP), xestionadas polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra, a xunta directiva do ente reuniuse de novo para resolver as alegacións presentadas e declarar a listaxe definitiva de proxectos, produtivos e non produtivos, aos que se propón vaian destinadas estas axudas.
Das vinte e dúas solicitudes recibidas nesta primeira convocatoria, trece foron as seleccionadas; seis corresponden a proxectos de carácter produtivo e sete a proxectos non produtivos.
O total das axudas aportadas é de 773.610 euros para un importe subvencionable de 1.626.919 euros e uns orzamentos finais que suman 1.650.765 euros. O GALP Ría de Pontevedra quere recordar que esta convocatoria non esgotou o crédito dispoñible para este ano e espera que haxa unha nova convocatoria no mes de setembro.
O propósito dos fondos europeos xestionados polo GALP Ría de Pontevedra é promover o desenvolvemento do tecido socioeconómico do territorio que comprende os concellos da contorna da ría. Unha das condicións para que os proxectos presentados opten á axuda é que encaixen dentro da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do GALP Ría de Pontevedra cumprindo os obxectivos de melloramento da competitividade dos sectores pesqueiro, marisqueiro e da acuicultura; de fomento da diversificación e xeración de actividade económica, de melloras ambientais e proxectos de sensibilización, de revalorización e conservación do patrimonio e de fomento tanto da cooperación como do desenvolvemento local.
Por concellos o reparto de proxectos seleccionados é bastante homoxéneo: Sanxenxo, Poio e Marín contan, cada un, con tres iniciativas aprobadas; mentres que o concello de Bueu sumou dous novos proxectos, os mesmos que Pontevedra.
A continuación unha breve presentación de cada un dos proxectos que contan con financiamento do GALP nesta primeira convocatoria do 2020:
Proxectos produtivos
• Centro de valoración dos produtos pesqueiros (S.Coop.Galega del Mar San Miguel) – Traslado da actual sede social da cooperativa a un edificio accesible no que se realizaran actividades formativas. Tamén se prevé o deseño dun espazo web para a promoción da imaxe da cooperativa e o desenvolvemento dunha imaxe de marca para os seus produtos. O importe de gasto subvencionable é de 92.469,76 € dos cales un 50% serán cubertos pola axuda (46.234,88€).
• Restaurante Gastrocultural O Bruño (Roberto Pérez Estévez) – Trátase do traslado da actividade de restauración do promotor de Cangas a Sanxenxo. O investimento no proxecto é de 469.424,13 € e recibirá 200.000 € en concepto da axuda repartido en dúas anualidades.
• Restauración de construción tradicional para almacén e taller (Horta Agrelo S.L) – Proxecto de adecuación e mellora dunha construción tradicional en Bueu para utilizalo como almacén e taller no que se levarán a cabo actividades. Os gastos subvencionables acadan os 37.000€ dos que 18.530€ serán aportados polo GALP, o que representa un 50%.
• Instalación de minicetárea (Sirvopeixe Galicia SLU) – Promovido por unha empresa xa en funcionamento en Poio que busca facer unha mellora na súa actividade coa instalación dunha pequena cetárea peixaría situada en A Barca-Poio para a venda ao público. Recibirá 4.410,00 € de axuda, que representa o 45% do gasto subvencionable (9.800,00€).
• Novo proceso produtivo de lombos e filetes de peixe afumado (O Percebeiro). Habilitación dunha planta de procesado de peixe para iniciar o proceso dunha nova liña de produtos de lombos e filetes de peixe afumado. O importe do gasto subvencionable alcanza os 314.657,35€, recibindo 141.595,81 € a través da axuda.
• Construción dunha nave que permita explorar novas liñas de negocio (Alinox Morrazo SLU) – Iniciativa dunha empresa afincada en Bueu para a construción dunha nave no polígono industrial que permitirá abrir unha nova liña de negocio na que desenvolverá equipamentos para lonxas, barcos, peixarías, etc… toda unha serie de servizos para o sector pesqueiro. O orzamento alcanza os 534.000 €, dos que 200.000€ proveñen da axuda repartidos en dúas anualidades.
Proxectos non produtivos
• Implantación da plataforma XESMAR na lonxa (Lonxa de Campelo) – Proxecto que pretende implantar a plataforma dixital XESMAR nas confrarías de Raxó, Pontevedra e Lourizán para facilitar o traballo das mariscadoras e a súa comunicación coa lonxa. O proxecto recibirá o 100% do gasto subvencionable (33.494,00€) en dúas anualidades (7.970 € no 2020 e 25.524 € no 2021)
• Embarcación de vixilancia para o interior da ría de Pontevedra (Confraría de Pescadores San Andrés de Lourizán) – Iniciativa que parte da confraría para a construción dunha embarcación destinada á vixilancia do interior da ría para optimizar a súa actividade e que contará cunha clasificadora a bordo para controlar o tamaño dos moluscos extraídos. O importe da axuda é de 55.382,30 € (o 100% do gasto subvencionable), disposto en dúas anualidades de 16.933,81 € o primeiro ano e de 38.448,49 € , o segundo.
• Sanxenxo: terra e mar (Concello de Sanxenxo) – A proposta do concello é articular ao redor da Festa da Cebola unha serie de accións para a promoción de produtos ecolóxicos e Km0. O gasto subvencionable é de 26.140 €, dos cales recibirá 23.526 € repartidos en tres anualidades
• Reparación da estrutura e reparación do mastro do galeón Luisa (Club Mariño A Reiboa) – Proxecto do eixe de patrimonio promovido polo CM A Reiboa de Poio que busca restaurar unha embarcación tradicional: o galeón Luisa, unha réplica dun barco de transporte de baixura típico das Rías Baixas. O proxecto recibirá o 100% do gasto subvencionable (3.921,61 € ).
• Portos sostibles: actuación prevención e concienciación en medio ambiente mariño (Club Náutico Portonovo) – Proxecto enmarcado no eixo de medio ambiente que propón a construción dunha plataforma volada de entrada ao náutico para facela máis accesible acondicionando a disposición dos contedores e dos equipos anticontaminación e contra incendios que estarán accesibles. Así mesmo realizarán módulos de formación medio ambiental. A iniciativa recibirá o 100% do gasto subvencionable (17.782,89 €).
• Divulgación e promoción da actividade da praza de abastos (Concello de Marín) – Instalación de luces LED na praza de abastos de Marín e actividades destinadas a escolares para dar a coñecer o espazo. O gasto subvencionable é de 18.129,12 € , dos cales recibirá un 80% (14.503,29 €)
• Descubrindo ao Colón Galego a través da ría de Pontevedra (Concello de Pontevedra) – Proposta de elaboración dunha acción que poña en valor o patrimonio cultural, pesqueiro, acuícola e marítimo da ría e a súa contorna a través da figura de Colón. O proxecto recibirá o 80% do importe do gasto subvencionable nunha única anualidade de 14.229,60 €.
Os restantes nove proxectos presentados á primeira convocatoria de axudas deste ano non puideron acceder á subvención xestionada polo GALP por diferentes cuestións técnicas.
Outros temas tratados na xunta directiva
Na mesma xunta directiva celebrada tratáronse outros temas como a renovación do convenio do GALP Ría de Pontevedra con ABANCA cuxa sinatura realizarase este xoves, a presentación de proxectos á convocatoria dos Premios Proxectos Atlánticos ou a aprobación da participación do GALP no proxecto de cooperación interterritorial ‘Descartes: Caracterización e posibles usos’ xunto co GALP Poniente Almeriense