Os nen@s entrenando esta maná na Xunqueira.

Os xogos galegos deportivos promovidos pola Xunta botan a andar unha tempada máis con seguridade e protocolos para as 16 modalidades escolares e 36 federadas

440 escolares da comarca do Morrazo participaron hoxe no campionato de campo a través no que están a participar centros educativos de toda a provincia de Pontevedra desde finais do pasado mes de outubro no marco do programa Xogade. A actividade contou coa presenza da delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e concelleir@s do goberno local.

Precisamente, minutos antes da chegada dá delegada territorial, os servizos de emerxencia e Protección Civil de Moaña tiveron que asistir a catro menores por mareos e vómitos e a unha nena por unha caída. Con todo, estes incidentes só quedaron nun susto e as competición transcorreu con normalidade.

Na proba celebrada esta mañá no Parque da Xunqueira participou alumnado do CEIP Plurilingüe de Tirán e CEIP Abelendo de Moaña, do CEIP Castrillón e CEIP Espiñeira de Cangas e do CEIP Torre (Bueu). Segundo avanzou Fernández-Tapias, o vindeiro 19 de novembro será a quenda dos centros escolares do Val Miñor (Baiona, Gondomar e Nigrán) e os días 24 e 25 dos de Vigo, O Porriño, Redondela e Mos.

O campo a través ou o atletismo en pista non son as únicas modalidades deste programa que inclúe ademais bádminton, baloncesto, balonmán, dúatlon, fútbol sala, multixogo 6-8, natación, orientación, patinaxe artística, piragüismo-dragóns, tenis de mesa, voleibol, xadrez e xogando co atletismo. A participación nestas actividades e o servizo de transporte son totalmente gratuítas.

No caso da actividade federada, ata un total de 36 federacións deportivas galegas adhírense ao seguro deportivo de 6 a 16 anos que financia a Xunta de Galicia para apoiar, sólida e eficazmente o deporte de base e a promoción da actividade físico deportiva e os hábitos saudables. As federacións adheridas na tempada 2021/22 son: atletismo, bádminton, baloncesto, balonmán, béisbol e sófbol, birlos, boxeo, ciclismo, esquí náutico, fútbol, halterofilia, hípica, hóckey, judo, karate, kickboxing, kung-fu, loita, motociclismo, natación, orientación, pádel, petanca, piragüismo, remo, rugby, salvamento e socorrismo, squash, surf, taekwondo, tenis, tenis de mesa, tríatlon e péntatlon moderno, voleibol, xadrez e ximnasia.

Ademais, propóñense outras actividades ao abeiro do programa como: ‘Coñece o meu club’, ‘Proxecto de vida activa e deportiva’, ‘Xogando coa auga e co vento’, ‘Xogos tradicionais e populares’, ‘Espazo lúdico’ (novidade da tempada 2020/21 que propón un traballo colaborativo e inclusivo na clase), así como actividades de promoción de escalada, golf ou loita, ás que se engadirán deportes urbanos como breaking, skate ou BMX consonte a evolución da demanda deportiva nos últimos anos e a consolidación das novas modalidades olímpicas.

Protocolos de actuación

Debido ao contexto actual da pandemia, son de obrigado cumprimento as medidas xerais e pautas básicas de actuación do Protocolo Fisicovid-DXTgalego Xogade 2021/22 publicado na páxina web do programa, que bebe da experiencia do protocolo aplicado na tempada anterior. Ademais, teranse en conta os protocolos e plans de adaptación ao contexto da Covid-19 das instalacións e centros educativos nos que se desenvolva e as restricións sanitarias de cada momento.

No caso da actividade deportiva federada vinculada co seguro 6-16, realizarase de conformidade cos protocolos das federacións deportivas galegas, baseados no Protocolo Fisicovid-DXTgalego polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19 no ámbito do deporte federado de Galicia.

Os devanditos protocolos están publicados nas respectivas páxinas webs das federacións e son de obrigada observancia para o conxunto dos estamentos federativos. Asemade, a práctica axustarase aos termos establecidos nas normativas e protocolos das instalacións onde se desenvolvan e ás restricións sanitarias de cada momento.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *