A Xunta, a través do IGVS, pon en marcha 24 durante este ano subvencións dirixidas a particulares, concellos e promotores privados para facilitar o acceso á vivenda mediante axudas, avais e recuperación de centros históricos
Facilitar o acceso á vivenda dos mozos, mellorar as condicións en materia de eficiencia enerxética e reactivar os centros históricos con tres piares fundamentais aos que a Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), destina este ano ao redor de 140 millóns de euros a través de 24 liñas de axudas e programas de apoio dirixidos a particulares, concellos e promotores privados. Delas, 11 xa teñen aberto o prazo de solicitude e 6 están a piques de convocarse. Ademais, destas 24, tres son totalmente novas. Por primeira vez créanse axudas destinadas ao fomento dos aloxamentos temporais, cohousing e outras modalidades similares; e, doutra banda, á construción de vivendas energéticamente eficientes para alugueiro social.
¿Qué convocatorias son novas e que prazo teñen?
Promoción de Aloxamentos Temporais/cohosing e vivendas interxeracionais: Trátase dunha convocatoria que conta cun orzamento total de 6,8 mililones de euros para as anualidades 2023-2024 destinadas tanto a inmobles de nova construción como para a súa rehabilitación dos xa existentes que deberán dedicarse a alugueiro social durante, polo menos, un prazo de 20 anos.
A axuda supoñerá un máximo de 420 euros por metro cadrado de superficie útil, aínda que a contía non poderá superar o 50 por cento do investimento (50.000 euros como máximo por aloxamento ou vivenda). Ademais, a vivenda deberá ser accesible e cumprir uns criterios de eficiencia enerxética.
Doutra banda, as persoas usuarias destes aloxamentos ou casas financiadas con estas axudas deberán ter ingresos anuais que non superen os 42.000 euros anuais sumando todas as persoas que compoñen a unidade familiar.
O prazo de solicitude estará aberto ata o 2 de novembro de 2023.
Avais públicos para que os mozos poidan comprar a súa primeira vivenda: Unha iniciativa nova en Galicia que pretende facilitar o acceso da mocidade galega ao seu primeiro fogar en propiedade a través da concesión de avais hipotecarios que poden chegar ata o 20 por cento do prezo de adquisición do inmoble por parte do IGVS.
Como requisitos, a vivenda terá que estar situada dentro de Galicia e ser residencia habitual e permanente do comprador durante, como mínimo, o período de duración do aval. Unha vez que o dono abone á entidade financeira o importe equivalente ao aval público, este perderá a súa vixencia.
A contía máxima apoiada pola Xunta será de 48.000 euros para as vivendas adquiridas nos concellos da Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense; de 36.000 para aquelas que se atopen dentro das cidades de Lugo, Ferrol ou naqueles municipios de tamaño medio ou de carácter priurbano; e de 26.000 euros para o resto de localidades galegas.
Os beneficiarios, que terán ata o 30 de novembro para solicitala, deberán acreditar uns ingresos anuais de entre 16.800 e 46.200 euros. No caso de que a compra corra por conta de máis dunha persoa, o límite subirá ata os 54.600 euros anuais.
Construción de vivendas para alugueiro social: Neste caso son 8,4 millóns de euros de axudas para a construción de vivendas que vaian ser destinadas a alugueiro social en edificios energéticamente eficientes. A metade deste diñeiro está dirixido aos concellos e a outra metade a promotores privados que constrúan en terreos de titularidade pública. No caso de que a demanda supere os fondos, poderían ampliarse ata duplicar a contía inicial.
As entidades públicas ou privadas que reciban esta subvención comprométense a ter as vivendas en réxime de alugueiro social durante polo menos 50 anos e as rendas polo aloxamento tamén estarán limitadas e non poderán superar o prezo por metro cadrado do alugueiro que teñen as vivendas protexidas de protección autonómica de réxime xeral da zona xeográfica onde estean localizadas. No caso de que se trate de aloxamentos promovidos por empresas privadas, unha vez finalice o período de concesión pasarán a ser de titularidade pública. Uns requisitos que se manteñen tanto para vivendas de nova construción como en edificios a rehabilitar cun uso distinto ao residencial.
Estas axudas poderán pedirse ata o próximo 6 de outubro e supoñerán un máximo de 50.000 euros por vivenda (700 euros/m2) para todos os promotores.
Axudas xa consolidadas que incrementan as súas partidas
Compra de vivendas en centros históricos: A Xunta convócaas por quinto ano consecutivo e poden chegar ata os 15.000 euros por vivenda que estea situada dentro dos centros históricos das cidades para promover a recuperación do seu patrimonio, revitalizar os centros históricos e, ao mesmo tempo, facilitar o acceso das familias para ter un fogar. En anos anteriores máis da metade dos beneficiarios tiñan menos de 35 anos.
Estas subvencións son, con carácter xeral, de 10.800 euros, pero a contía pode incrementarse ata os 12.800 euros por vivenda se o solicitante é menor de 35 anos, e ata os 15.000 euros no caso de que o inmoble se localice nalgunha das sete áreas Rexurbe (A Coruña, Mondoñedo, Ribadavia, Tui, Ribadeo, Ferrol ou Betanzos).
As solicitantes deberán ser persoas españolas ou con residencia legal en España e deberán ter subscrito con posterioridade ao 15 de novembro de 2022 un contrato privado ou unha escritura pública de adquisición da vivenda xa constuida, nova, usada ou pendente de rehabilitación. Os ingresos da unidade familiar non poderán superar os 54.600 euros anuais.
Adquisición de vivenda para mozas en concellos de menos de 10.000 habitantes: Tras o balance do ano pasado, no que a Xunta concedeu máis de 380 axudas a mozos menores de 35 anos para facilitarlles a adquisición da súa vivenda neste tipo de concellos, decidiu renovar a partida este 2023 cun orzamento inicial de 1,55 millóns de euros.
A convocatoria estará aberta ata o 31 de outubro e os incentivos previstos poden chegar ata un máximo de 10.800 euros por inmoble, sempre que non supere o 20 por cento do prezo de compra e a vivenda estea localizada nalgún dos 257 municipios galegos con menos de 10.000 habitantes.
Un dos requisitos importantes desta axuda é que o inmoble debe de estar xa construído, con independencia de que sexa nova ou usada, e cuxa compra sexa posterior ao 15 de novembro de 2022. Os solicitantes deberán acreditar que os ingresos da unidade familiar non supera os 24.000 euros ao ano.
Rehabilitación enerxética de edificios e vivendas: Dada a boa resposta da cidadanía a esta orde de axudas, o IGVS decidiu triplicar este 2023 os fondos para actuacións de rehabilitación enerxética de edificios de tipo residencia ata chegar aos 66,4 millóns de euros. Desde que se abriu o prazo para acollerse a elas, o 16 de xuño, as solicitudes xa superan as 650.
A nivel edificio, o programa está destinado a apoiar a particulares, comunidades de veciños e a cooperativas propietarias de inmobles construídos antes do ano 2000 en actuacións como renovación de fachadas ou cubertas, así como a substituír equipos de calefacción e auga quente para lograr reducir o consumo en, polo menos, un 30 por cento.
A subvención pode chegar ata os 26.750 euros no caso dunha vivenda unifamiliar e ata os 23.500 se se trata dun edificio residencial. Aínda que a contía dependerá do aforro enerxético alcanzado, o tipo de inmoble e dos ingresos do solicitante. Nos casos de vulnerabilidade podería cubrirse o 100 por cen do custo das obras.