A Xunta acometerá un paquete de obras na escola infantil de Vilaboa por valor de 22.500 euros para mellorar as condicións deste equipamento pertencente á rede pública autonómica. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado do alcalde do municipio pontevedrés, César Poza, visitou hoxe o centro para dar conta dos traballos proxectados.
O xerente do Consorcio explicou que o obxectivo desta intervención “é ofrecer ás familias e aos seus pequenos unhas instalacións cómodas, en bo estado e de calidade”. Para iso, acometerase a substitución do valado do inmoble e reformarase a porta da aula para nenos de 1 a 2 anos. Ademais, renovarase o solado do parque infantil que ten o centro no seu patio interior coa colocación dun novo chan de PVC flotante que incrementará o illamento acústico e térmico, así como a resistencia fronte a humidade. Así mesmo, na zona de xogos exterior retiraranse os elementos deteriorados para instalar outros novos.
Perfecto Rodríguez indicou que, como é habitual neste tipo de obras, as actuacións previstas neste centro de Vilaboa foron postas en común coa comunidade educativa e contan coa supervisión dos servizos técnicos do Consorcio e municipais. Neste caso, o ente autonómico financiará aproximadamente o 60% do custe dos traballos, mediante a compensación das liquidacións que corresponde abonar á Administración local por este servizo público. O resto do investimento correrá a cargo dos fondos propios do Concello, que tamén se ocupará da execución dos traballos.
Gratuidade
Na actualidade, a escola infantil de Vilaboa conta con tres unidades en funcionamento e con 36 nenas e nenos de 0 a 3 anos matriculados. A partir do curso, 2022-2023 a atención educativa neste centro será de balde para todos os nenos, logo de que a Xunta de Galicia estendese tamén aos primoxénitos a gratuidade da que desde abril de 2020 xa gozaban os segundos fillos e sucesivos.
Así, o vindeiro curso a Xunta aplicará a gratuidade xeral da educación infantil en todas as escolas: as públicas, as de iniciativa social, as privadas e as que son dos Concellos, sempre que estean ao corrente co Consorcio.