Imaxe do Marín Gaming Fest na edición pasada.

A organización e o Concello quentan motores sobre o evento de referencia do gaming na vila, no que haberá torneos, realidade virtual, postos de artistas, obradoiros, xogos de mesa e moito máis

O Concello de Marín e a Asociación Gaming Troop presentan a terceira edición do Marín Gaming Fest, o evento que promete levar a emoción do mundo do gaming a Marín os días 11 e 12 de novembro de 2023 no Pavillón da Raña. Este evento gratuito estará aberto a todos os públicos sen necesidade de mercar entrada. Con máis de 20 postos de consolas, o Marín Gaming Fest ofrecerá un amplio abanico de experiencias para xogadores de todas as idades e niveis de habilidade.

Algúns dos títulos destacados que estarán dispoñibles para torneos e xogo libre inclúen FIFA23, Tekken 7, MarioKart 8, Dragon Ball Fighter Z, Switch Sports, Rocket League, StreetFighter 6 e Duck Game.

Os amantes de Super Smadh Bros Ultimate non quererán perderse o emocionante torneo que albergará até 64 participantes nas modalidades de solitario e parellas.

Para os fanáticos dos xogos de PC, haberá 20 postos adicados ao xogo libre e torneos de League of Legends (LOL) e Teamfight Tactics (TFT), onde poderán demostrar as súas habilidades estratéxicas. A experiencia virtual será protagonista na zona VR, onde os asistentes poderán desfrutar do xogo Beat Saber, sumerxéndose na música e o ritmo, así como na zona de Simracing VE, onde poderán competir en emocionantes carreiras e retarse entre eles a acadar o mellor tempo.

Charlas, obradoiros, cosplay e xogos de mesa

Os entusiastas deste mundillo atoparán o seu espacio máis didáctico na zona do escenario, onde se levarán a cabo charlas e obradoiros sobre diversos temas relacionados coa cultura alternativa, o anime e a caracterización.

Ademais, non se pode perder o esperado concurso de cosplay, onde os cosplayers poderán lucir as súas creacións e competir por diferentes premios.

A diversión estenderase aínda máis cunha zona de xogos de mesa, organizada en colaboración coa Asociación Tempus Ludit e Rotting Pizza, ofrecendo unha experiencia lúdica diferente e emocionante para todos os gustos.

Toda a información do evento e a apertura para as inscricións irase publicando nas redes sociais de Gaming Troop, así como na web do evento (www.gamingtroop.es/maringamingfest).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *