41 de Cangas, 26 de Bueu e 29 comercios de Moaña participan nesta actividade para os nenos e nenas da comarca
Despois de dous anos sen celebrarse por mor da pandemia, o luns 19 de decembro arrinca a Xincana Infantil “Exploradores do Morrazo: Axuda a Mazo a descubrir o Morrazo” organizada polas asociacións ACIBU, ACICA e ACIMO, a través de FECIMO – Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo coa colaboración de perto de 100 establecementos asociados e onde os cativos terán que resolver certas probas relacionadas co contorno da súa vila.
Esta edición 2022 será moi especial para o comercio local xa que darase a benvida á mascota do comercio local “MAZO”. Como é novo no Morrazo e como @s nen@s son grandes coñecedores da contorna, poremos a proba os seus coñecementos sobre súa vila, preguntando sobre as súas praias, edificios, monumentos…etc.
A federación propón esta iniciativa coa que os nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e os 14 anos divírtense durante o Nadal, convidándoos a utilizar o galego de xeito diario e normalizado.
O obxectivo desta actividade é darlle visibilidade aos establecementos de Bueu, Cangas e Moaña, e que os máis novos coñezan o que a súa vila lles ofrece. Xunto coa súa familia, poderán interactuar coas empresas locais potenciando así un dos puntos claves do comercio das nosas vilas, que é a proximidade. Ademais de dar a coñecer a súa diversidade nas dúas semanas que dura esta actividade.
Funcionamento
Existe unha xincana diferente para cada vila. A actividade comezará o día 19 ata o 31 de decembro. Os nenos e nenas contan cun mapa e cartilla no que aparecen os establecementos participantes. FECIMO agradece a colaboración dos centros de ensino da comarca para a entrega deste material aos seus alumnos, apostando por esta actividade cultural. Tamén estarán dispoñibles para recoller nas tendas.
A mecánica do xogo é sinxela: en cada tenda que teñen marcada no mapa hai unha proba diferente que deben resolver. Se acertan, recibirán un selo na casilla correspondente. Así, ata que consigan resolver tantas probas como lle son requeridas nas instrucións. Unha vez consigan resolver as probas, cubrirán o folleto cos seus datos persoais e o depositarán en calquera das tendas participantes, ou ben o día do sorteo de premios na furna habilitada pola organización.
Sorteo de premios
Ao remate do prazo para facer as probas, realizarase un sorteo en cada vila cos mapas recibidos, no marco dunha gran festa con actividades de animación para todos. Os premios a entregar serán:
1o Premio: unha Tablet
2o Premio: Unha gran cesta de Nadal infantil
E outros premios sorpresa para os participantes que asistan á festa de animación.
As datas e localizacións dos sorteos serán:
- Luns 2 de xaneiro en Moaña a partir das 17:00h na contorna do Palco da Música
- Martes 3 de xaneiro en Cangas a partir das 17:00h, na Alameda Vella.
- Mércores 4 de xaneiro en Bueu a partir das 17:00h na Praza do Concello.
No caso de mal tempo informarase do cambio de ubicación na páxina de facebook de Comercio do Morrazo e Fecimo.
Os establecementos xa se están a preparar coas probas á espera da visita dos cativos, desexando que os maiores da casa tamén se animen a xogar e que aposten nestas datas polo comercio local e de proximidade.
Esta campaña está organizada por FECIMO e está incluída no Proxecto de Dinamización das asociacións ACIBU, ACICA e ACIMO que conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Comercio.