O conselleiro coa alcaldesa e os docentes durante a visita ao centro.

O conselleiro do Mar visitou o Centro de Formación A Aixola en Marín, que acaba de iniciar un novo curso, e que desde 1997 ven formando aos colectivos da pesca que buscan capacitarse noutros oficios do mar

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, salientou a importancia da formación dos profesionais vinculados aos sectores do mar e da pesca así como resaltou a labor que neste ámbito ven realizando desde 1997 o Centro de Formación A Aixola, que visitou en Marín acompañado pola alcaldesa da localidade, María Ramallo e representantes da Autoridade Portuaria, coincidindo co inicio dun novo curso.

Nun percorrido polos diferentes talleres do centro, que ten a súa sede no Porto de Marín, o responsable autonómico destacou a calidade educativa dunha entidade que, xestionada pola Consellería do Mar a través do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, ven acadando uns excelentes resultados de inserción laboral dos seus alumnos. Así, no 2023 a práctica totalidade do alumnado que buscou emprego conseguiu entrar no mundo laboral tras finalizar a súa formación, mentres que o resto continuou o seu itinerario formativo, acadando así cerca dun 70% de inserción.

A Aixola iniciou esta semana un novo curso para o que ten programadas sete accións formativas e para o que ofertou un total de 84 prazas destinadas a alumnos vinculados ao sector pesqueiro. As clases totalizarán cerca de 1.600 horas de formación de carácter gratuíto das que poden beneficiarse operarios da pesca, mariscadoras e mariscadores, cónxuxes destes ou persoas con titulación ou certificado para traballar no sector pesqueiro.

Na súa visita ao centro, o conselleiro do Mar puido comprobar o desenvolvemento dun dos cursos que deu comezo esta semana, como é o caso do de laminado manual en poliéster para pezas de uso en acuicultura e en construción naval, xunto ao de elaboración e instalación de cubertas de madeira en embarcacións menores, que se desenvolve pola tarde.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *