A obra, cun investimento de 47.695 euros, reforza a impermeabilización executada o ano pasado cun tabique pluvial na fachada sur
O Concello de Vilaboa sustituirá parcialmente a cuberta do pavillón do Toural, como medida de reforzo para acabar cos problemas de humidade e filtracións que rexistra esta instalación deportiva e sobre a que o Concello xa abordou o ano pasado cunha actuación na envolvente do pavillón valorada en 63.000 euros.
O ano pasado o Concello construiu un tabique pluvial na fachada sur e sustituiu as baixantes e remates e un estudo técnico recomenda reforzar a actuación coa substitución da metade norte da capa de acabado da cuberta do edificio.
As obras, que terán un coste de 47.695 euros, consistirán na demolición da capa de cubrición existente, formada por panel sandwich in situ composto por dúas follas de chapa prelacada e alma de illamento e a construción de nova cubrición de paneis sandwich de 30 milímetros de espesor, acabado en cor tella cara ao exterior e cor branco ao interior.
O pavillón polideportivo do Toural foi construído en 1993 e a pesar de ser obxeto de diferentes actuacións de mantemento acusa problemas de filtracións e humidades que dificultan a optimización destas instalacións para fins deportivos. Conta cunha edificación principal, que acolle a pista deportiva e as gradas e un corpo auxiliar anexo no que están os vestiarios, aseos e zona de almacenaxe.