O Concello amplía medidas que favorezan a xestión da biomasa en núcleos como Sobreira, Vilar e A Graña
O Concello de Vilaboa está a traballar na actualización do seu Plan Municipal de Prevención de Incendios Forestais co obxectivo de habilitar novas ferramentas que permitan unha xestión máis eficaz da biomasa e unha maior protección dos núcleos máis expostos. A modificación afectará especialmente ás zonas de Sobreira, Vilar e A Graña, tres ámbitos considerados prioritarios pola súa elevada vulnerabilidade tanto fronte aos lumes como ás consecuencias dos temporais rexistrados nos últimos meses.
Nestes lugares, os accesos principais, e nalgúns casos os únicos, discorren por pistas municipais que, pola súa catalogación actual, só dispoñen dunha franxa de protección de seis metros fronte a especies pirófitas. Unha distancia claramente insuficiente para garantir a seguridade en caso de incendio, xa que a proximidade entre marxes facilita a propagación do lume. Ademais, os temporais deste inverno deixaron numerosas pólas caídas sobre estes viais, dificultando a circulación e evidenciando a necesidade de ampliar as zonas de protección.
As recomendacións dos técnicos de Medio Rural van na liña de transformar estes camiños municipais en auténticos cortalumes dentro do Plan de Prevención, o que permitiría establecer franxas de seguridade máis amplas e efectivas fronte a especies como o eucalipto ou o piñeiro.
César Poza, alcalde de Vilaboa, considera urxente a adopción de medidas que garantan “a seguridade xeral da veciñanza, que está por riba da desidia dalgúns propietarios que manteñen especies pirófitas demasiado preto das estradas”. Poza lembra que a experiencia do pasado verán e os danos provocados polos temporais recentes deixan claro que o municipio non pode seguir asumindo riscos evitables.
O departamento de Medio Ambiente está a revisar centos de expedientes abertos por incumprimentos relacionados coa presenza de especies pirófitas en parcelas próximas a viais públicos. Cada caso atópase nun punto distinto de tramitación, polo que o Concello está a realizar unha revisión individualizada para garantir unha actuación rigorosa.
O alcalde, César Poza, recalca que o reforzo das medidas e as intervencións previstas responden unicamente a criterios técnicos e de protección cidadá. “Aquí non hai nada que debatir, hai que garantir a seguridade da xente”, sinala. O rexedor insiste en que o Concello asumirá un papel activo na prevención para minimizar o risco que supoñen tanto os incendios como os temporais.
A actualización do Plan Municipal de Prevención supón, segundo o goberno local, un compromiso firme por anticiparse aos riscos e reforzar a seguridade en todo o territorio municipal.

