Camiño Real do Morrazo o seu paso por Vilaboa.

O goberno local presenta unha alegación ao anteproxecto de Lei para evitar que a Xunta “deixe de novo no aire” a realidade urbanística do municipio

O Concello de Vilaboa vén de presentar unha alegación ao anteproxecto de Lei de Ordenación do Litoral de Galicia na que demanda unha solución á problemática dos núcleos costeiros, xa que o texto actual deixa de novo no aire unha realidade urbanística que afecta de cheo ao término municipal de Vilaboa.

No texto da alegación César Poza, alcalde de Vilaboa, urxe que se contemple esta realidade local evitando así unha dependencia permanente das administracións con competencias no litoral para solventar cuestións globais que limitan e condicionan o desevolvemento do municipio.

Poza apunta que o texto proposto non dá solución nin recolle a problemática existente nos núcleos rurais tradicionais costeiros, tipoloxía propia da ocupación do territorio nesta área concreta da península e que se atopan espallados por toda a faixa litoral da comunidade autónoma. “Estes núcleos, a pesares de ter acreditado unha considerable antigüidade e
características a conservar e potenciar pola lexislación urbanística, non poden considerarse aos efectos da situación excepcional que outorga a disposición transitoria terceira da lei 22/1988, de 28 de xullo, de costas, ao non clasificarse expresamente como solo urbano”, argumenta o alcalde de Vilaboa na alegación e recorda que os mecanismos que posteriormente se estableceron desde o Estado para a súa regularización, “deviron en inútiles para o recoñecemento da meirande parte destes núcleos”.

Indica tamén que a pesares do principio da ordenación litoral recollido no artigo 6 do texto, sobre a coordinación entre as diferentes administracións públicas de Galicia, “non se establecen mecanismos de colaboración efectiva entre a administración autonómica e os municipios, que son actores fundamentais no proceso edificatorio e urbanístico tendo en conta o grao de competencias atribuídas aos concellos pola lexislación vixente”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *