Nunha primeira fase, que se acometerá este ano, recuperarase a estrutura do edificio e nunha segunda porase en marcha a infraestrutura hidráulica
O Concello de Vilaboa iniciará este ano a restauración do muíño do Toxal, situado en Bértola, tras reservar unha partida inicial de 25.000 euros no orzamento deste ano 2024. Para iniciar este proceso o alcalde de Vilaboa, César Poza, comprobou hai uns días o estado do muíño xunto a Xosé Feijoo, da asociación Vaipolorío e de Benito Vilas, arqueólogo que se encargará de elaborar o proxecto que permitirá tramitar os permisos necesarios tanto en Patrimonio como en Augas de Galicia.
Inicialmente esta prevista a rehabilitación do muíño nunha única fase que permitise a recuperación da estrutura do edificio, sen embargo, tras comprobar in situ a situación actual do inmoble César Poza considera que é necesaria unha segunda fase, máis ambiciosa, que garanta a posta en marcha da infraestrutura hidráulica, incluíndo a recuperación da canle para levar a auga ao muíño.
A recuperación do muíño do Toxal é un compromiso adquirido polo goberno de César Poza o ano pasado coa asociación Vaipolorío a fin de evitar un dano maior dunha estrutura con características únicas situada no núcleo de Santa Marta.
O muíño está en pé, máis en avanzado estado de deterioro polo que urxe unha actuación de recuperación que garanta o futuro deste importante recurso patrimonial en Vilaboa, do que xa hai referencias claras na documentación catastral do Marqués da Ensenada de 1749.
Trátase dun muíño pertencente á modalidade de rego dunha única moa; unha edificación simple que acolle un complexo dispositivo mecánico accionado pola forza da auga. Está composto por unha presa, que ten por obxecto captar a auga do río; a levada, que conduce a auga da presa cara o muíño salvando o desnivel do terreo; a canle, que conduce a auga cara o rodicio; unha roda hidráulica con paletas curvas e un eixe vertical que move a moa; e a edificación do muíño propiamente dita, un sinxelo edificio de planta rectangular duns 8 metros cadrados de superficie, cuberto por un tellado a dúas augas constituído por paredes de cantería irregular nos que unicamente se practican dous vanos, un para acceder e outro para levar luz ao interior.
Para César Poza trátase dunha xoia arquitectónica e patrimonial “que fala de nós, da nosa cultura e das nosas tradicións”.