O alcalde e a concelleira visitando o remate da tirolina no parque.

O elemento de xogo está pensado para unha poboación de entre 4 e 14 anos e conta cunha altura de saída de 1,58 metros

O remate da primeira fase do acondicionamento integral do parque infantil de Canaval, en Figueirido, inclúe a posta en marcha dunha tirolina cunha altura de caída de 1.58 metros, o primeiro elemento de xogo destas características instalado en Vilaboa e que o alcalde, César Poza, xa adianta que non será o único. Tras recepcionar os traballos, o resultado foi inspeccionado polo propio rexedor e pola concelleira de Servizos Sociais, María Canosa.

Desde hai xa varios días rapaces e rapazas de entre 4 e 14 anos gozan dunha tirolina doble que conta cunha plataforma de saída que facilita a diversión ás persoas usuarias de menor altura. A tirolina completa de momento un área de encontro infantil que conta con algúns outros elementos de xogos pero que pronto se verá completada cunha segunda fase, na que o proxecto recolle a construcción dunha pista multideporte de 20×10, composta por estrutura en aceiro inoxidable, frontais de protección parabalóns, porterías con dimensións regulamentarias, rede de barrotes antivandálicos de tubos de aceiro inoxidable, altura das canastas con dimensión reglamentaria de 3,05 metros e accesible a través das porterías con longo apto para cadeiras de rodas.

E haberá unha terceira fase para rematar o acondicionamento deste parque, que o dotará de zona de aparcamento e mesmo dun auditorio, convertendo o entorno nun punto de encontro social para toda a parroquia de Figueirido.

O Concello de Vilaboa comezou o ano pasado co acondicionamento de dúas parcelas nas que se asenta o parque do Canaval; unha de 6.440 metros cadrados situada sobre o falso túnel de Fontequente, en Canaval, no tramo Vilaboa-Pontevedra do eixo atlántico de alta velocidade.

Esta superficie é unha concesión administrativa do ADIF ao Concello por un período inicial de 75 anos no que deseñou unha gran área de esparcemento social con espazos adaptados a todas as idades e que se irá acometendo por fases; e unha segunda parcela que é de titularidade municipal.

Para César Poza, alcalde de Vilaboa, trátase dun proxecto importante e moi ambicioso que reflexa o interese do goberno local por descentralizar e dotar ás parroquias de servizos esenciais. “Apostamos por levar a todas as parroquias prestacións similares e que os rapaces e rapazas dispoñan no seu entorno de espazos de calidade porque eso axuda tamén a fixar poboación”. O goberno local traballa tamén nun ambicioso proxecto de remodelación do parque de Riomaior, co obxectivo de convertilo noutro punto de encontro interxeracional para a poboación da contorna.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *