Plano Miradoiro do Cabalo.

O miradoiro erguerase sobre unha solaina cunha varanda perimetral e contará cunha senda peonil de acceso e zona de aparcamento para mobilidade reducida

O empresa Naturgalia será a encargada de executar o proxecto de acondicionamento e posta en valor do Miradoiro do Cabalo, en Santa Cristina de Cobres; unha actuación que busca transformar este espazo natural nunha nova área pública para o disfrute colectivo.

O investimento municipal nesta contorna será de 47.335 euros para crear un balcón sobre a ría con todos os elementos de seguridade e comodidade para as persoas usuarias. O miradoiro erguerase sobre unha soleira de cimentación e cunha estrutura de soportes e vigas metálicas e forxado de chapa e formigón. Contará cunha varanda perimetral de protección e estará dotado de bancos e mesas de interpretación da contorna.

Esquema Miradoiro

O investimento inclúe tamén o acondicionamento do camiño de acceso mediante pavimento terrizo e a dotación de prazas de estacionamento para as persoas con mobilidade reducida. A empresa adxudicataria botará man da topografía orixinaria para a formación do acceso ao miradorio e para o trazado dunha beirarrúa con formigón armado de ocre. A protección peonil neste tramo garantirase cun perímetro de rolos de madeira e corda.

A parcela na que agora vai actuar o Concello de Vilaboa forma parte do acordo de cesión acadado no ano 2022 coa Comunidade de Montes para instalar nesta contorna o punto de compostaxe.

“Queremos recuperar este entorno, de gran beleza paisaxística, como punto de encontro da veciñanza e como un enclave máis de esparcemento no municipio de Vilaboa. O miradoiro, xunto coa remodelación do parque de Riomaior, a futura praza do Toural, a área de Figueirido e a reforma da Canteira en Paredes conformarán unha gran área sostible, descentralizada e complementaria, con recursos diferentes en cada parroquia”, explica César Poza, alcalde de Vilaboa.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *