Victoria Portas, portavoz de AV en el Concello de Cangas.
Sen querelo, e desde a oposición, está a converterse na protagonista da lexislatura. O seu voto é imprescindible para calquera acción que o goberno local queira sacar adiante pero a relación co tripartito (BNG-PSdeG-EU) vai a peor, se é que algunha vez tivo un día de tranquilidade. Alcanzados os tres meses desde que a súa papeleta permitiu a Araceli Gestido obter a alcaldía para deixar fora ao PP, é hora de poñer nota.

MN: ¿Qué balance faría dos primeiros 100 días de goberno tripartito?

V.P.: Temos un goberno tripartito, o máis caro da historia que dedicou estes 100 días a asegurarse os seus soldos (catro liberacións e media). Foron 100 días perdidos. Ah, tamén se esforzaron en facerse fotos para saír a diario na prensa, nisto tamén puxeron bastante empeño. Polo resto, nada máis.

MN: Algún proxecto poñerían en marcha nestes tres meses…

V.P.: Propios, ningún. Non existe ningunha obra nova, non existe ningunha liña de financiamento novo e nin tan sequera presentan uns orzamentos novos. Están a dedicarse a rendibilizar a xestión do goberno anterior, e iso que teñen dez concelleiros, sete máis que cando eu era alcaldesa. Levan tres meses sobrevivindo do traballo que criticaron ata o último momento. O incrible é que se dedicaron a dicir que eu era unha alcaldesa incompetente e agora tentan presumir do traballo realizado por esta alcaldesa incompetente. Tampouco coñecemos cal é o seu proxecto…

MN: ¿E quedanlles moitas obras ainda que rendibilizar do seu goberno?

V.P.: Pois a verdade que si e moi importantes. Para facernos a idea quedan obras, xa con proxecto e financiacion por subvencións, por un importe superior a 2 millons de euros. Temos que lembrar que o meu goberno solo durou dous anos e os froitos do gran traballo recollense agora.

MN: Estes días o Concello de Cangas recibiu o premio á mellor iluminación viaria ou ambiental pola renovación integral da iluminación pública que realizou vostede como alcaldesa ¿convidáronlle a asistir ao acto? 

V.P.: Para nada, a día de hoxe ninguén do goberno comunicoumo. Decateime pola prensa e polas persoas que fixeron entrega do premio, que me chamaron para preguntar se iría recollelo…

«Non entenden que negociar é dar e ceder e nin dan nin ceden, escúdanse nos técnicos e, por tanto, sobran os soldos»

Victoria Portas

MN: O goberno tripartito necesita o seu voto para todo o que precisa sacar adiante ¿impón ou negocia para logralo?

V.P.: Impón, sen dúbida. Cando foi dos salarios empeñábanse en que non podiamos entrar nas comisións informativas para traballar porque a lei dicíao e, dous meses despois, tiveron que cambiar o discurso porque, curiosamente e sen cambiar nin un punto a lexislación, xa se podía. Cos orzamentos pasou igual, presentáronos sen negociar alegando que eran os meus, cando non é así, quero deixalo claro. Non nos explican nada, non nos deixan participar, pedimos acceso á información e denégannola continuamente. Non entenden que negociar é dar e ceder e nin dan nin ceden, escúdanse nos técnicos e, por tanto, teremos que dicir que quen goberna agora no Concello de Cangas son os técnicos, non os políticos. Sobran os soldos, entón.

MN: O xa exconcelleiro de Facenda, Óliver Álvarez, dixo no pleno que se que negociara con usted os orzamentos…

V.P.: ¿Considera que negociar é mandarnos por correo electrónico un documento dicindo que eses son os orzamentos que se van a presentar? Sen máis. E cando lle pido reunimos formalmente a resposta ás miñas preguntas é que se trata dun orzamento para pagar facturas, non me explica nada máis. Só confírmame que xa iría ao próximo pleno.

MN: ¿Ten xa as famosas facturas que reclamou no pleno?

V.P.: Como sempre, enviáronnolas despois, a pesar de que as reclamamos en varias ocasións antes do pleno. Dicen que é un orzamento para pagar facturas e non as entregan, é evidente que algo querían ocultar. Ademais din que son miñas. Eu non teño ningún problema en dar a cara ¿por qué escondelas? Non só hai facturas de electricidade, como din, senón doutras áreas que non lles interesa sacar á luz e que os cangueses se decaten. Co orzamento o goberno pretendía ocultar a verdade das facturas que non quere que coñezan os veciños. Queremos claridade pero prefiren chamar mentireira á persoa que ten o voto decisivo para aprobar eses orzamentos. Non estamos dispostos a aceptar calquera cousa, xa dixemos que o noso voto non ía ser un cheque en branco. Por tanto, negóciase e non se nos insulta, que é no que quedamos. Os que presumían e pedían transparencia actúan agora con total opacidade.

MN: Parece que a posibilidade de negociar xa non é posible. AV rompeu o diálogo co goberno despois da ocupación do despacho…

V.P.: EU ten á súa disposición no Concello dous despachos e ten que ocupar o noso como unha medida de coacción, sen entender que necesitan o noso voto para calquera cuestión que queiran sacar adiante. Nos con coaccións e sen negociación non nos imos a sentar, xa o dixemos desde o primeiro día. E é evidente, hoxe máis que nunca, que ese goberno non ten un líder porque cada membro do goberno fai e di o que lle parece. Grávanse as nosas conversacións, fíltranselles á prensa, incúmprense os acordos, co cal, a alcaldesa terá que tomar unha decisión. Isto non é unha gardería, é un Concello.

MN.: ¿É a primeira vez que pasa algo similar?

V.P.: Claro que non, é continuo. Póñolle outro exemplo. Antes do pleno de aprobación de salarios roubóusenos o teléfono do despacho.

«Non somos parvos, eles prepararon uns orzamentos para aguantar catro anos de lexislatura»

Victoria Portas

MN: Membros do goberno comentaron en varias ocasións que vostede deixou un buraco importante…

V.P.: Si, din que eu desfalquei 300.000 euros na miña xestión, ademais doutras moitas cousas. Pois xa que llo din en privado aos veciños, que tamén o repitan no pleno para que quede gravado e conste en acta, e que se dean todas as explicacións. Non teño ningún problema, pero que se digan as cousas onde hai que dicilas e á cara. Se eles non teñen nada que esconder é sinxelo ¿non? Non somos parvos, eles prepararon uns orzamentos para aguantar catro anos de lexislatura. Uns orzamentos con dous millóns de euros por encima do que se recadaba en impostos, mira que mal deixou as contas a anterior alcaldesa…

MN: Está a dicir que, de aprobarse o orzamento no pleno de setembro, o goberno local non tiña pensado elaborar os orzamentos de 2024?

V.P.: Estamos convencidos. Presentáronse os orzamentos de 2023 coa escusa de pagar facturas pero o que querían, realmente, é ter uns orzamentos para os catro anos que lle seguen sen contar connosco. Só hai que ver onde e como se meteu o diñeiro nese orzamento, cousa que nos tapan.

MN: Acabarán levando as facturas a través dun Recoñecemento Extraxudicial de Crédito (REC), aínda que agora rexéiteno?

V.P.: Eles teñen que ver que queren facer, as regras eran as mesmas para min que para eles. E nós, a pesar de como actuou a oposición, saímos do Plan de Axuste, rebaixamos a débeda a un millón de euros e deixamos remanente. Todo, cun orzamento Cóvid prorrogado. O que non se pode é mentir continuamente de forma catastrófica e botarme a culpa a min.

«Este goberno o que quere é facer moito circo e moitas fotos, pero pouco traballar»

Victoria Portas

MN: ¿É consciente de que os veciños poden acabar por non entender nada?

V.P.: Totalmente, porque as mensaxes son totalmente contraditorios e este goberno o que quere é facer moito circo e moitas fotos, pero pouco traballar. Non poden lanzar mentiras continuamente, non pode dicir o xa exconcelleiro de Facenda que se non se aproban os orzamentos o Concello vai entrar nun Plan de Axuste cando non é así. Sería a primeira vez que ocorrese isto cando as contas do Concello teñen superávit. O que hai é que poñerse as katiuskas, pero non para irse de festa senón para facer xestión dentro do Concello, hai facer moitos números, porque a economía municipal é como a da nosa casa.

MN: Hai quen lle acusa de actuar por vinganza…

V.P.: Se actuásemos por vinganza non dariamos a un club deportivo toda a información de prazos e material para que o Concello pida unha subvención, tampouco alertariamos de que existía unha licitación na que faltaban informes sectoriais, coñecendo o risco que supoñía de perder diñeiro. Noós poderiamos calar e denunciar despois, pero quen perden son os veciños que necesitan deses proxectos. E así imos seguir actuando porque iso é construír. Neste momento existen dous proxectos de obra que xa están fóra de prazo e se quixésemos ser malos o que teriamos que facer é presentar unha denuncia conforme ese contrato está en fraude de lei e obrigar a unha nova licitación, pero AV nunca vai comportarse así. Desde maio e ata o día 10 de xuño que estiven en funcións pódense ver perfectamente todos os expedientes que tramitei, solicitudes e movementos para que non se perdesen subvencións. Todo o contrario ao que fixeron outros concelleiros antes de que entrásemos nós, que foi non facer absolutamente nada e se se perdían as subvencións, que se perdesen. O que estamos a facer é presionar ao goberno para que se poña a traballar xa, que non o está facendo.

«O que nunca quixeron recoñecer é que eles sempre aceptaron nas mesas de negociación que eu tivese unha liberación completa, pero non sabemos en que momento cambiaron de opinión»

Victoria Portas

MN: ¿En que momento AV abandonou a idea de entrar no goberno?

V.P.: Alternativa sempre quixo entrar no goberno, do mesmo xeito que, e téñoo que recoñecer agora abertamente, cando eu fun alcaldesa tivemos varias reunións con Avante! e BNG para que entrasen e foron eles os que non quixeron. Eu xamais ataquei á esquerda deste pobo, e podíao facer. Tamén nos sentamos co BNG para propoñerlles ir xuntos ás eleccións, sen liñas vermellas, e tampouco quixeron. A gran equivocación do BNG é que cren que a Victoria Portas téñenlle que buscar un «huequito», como dixo algún membro deste partido, e nada máis lonxe da realidade. Simplemente son a portavoz de AV e desde un principio estabamos moi dispostos a traballar con eles, como sempre, pero o que nunca quixeron recoñecer é que eles sempre aceptaron nas mesas de negociación que eu tivese unha liberación completa, pero non sabemos en que momento cambiaron de opinión. Cando se estaba asinado o famoso pacto do hotel Jucamar, nós estabamos nunha asemblea debatendo cal ía ser o noso papel nese novo goberno, dentro, porque así se acordou o día anterior. Iamos ter esa liberación completa e a área de Servizos Sociais con Educación. Ninguén nos convidou a asinar ao Jucamar, ao día seguinte almorzamos coa noticia de que estabamos fóra. Por certo, a día de hoxe ninguén coñece o acordo entre os tres, é secreto.

MN: Na rúa a sensación é que goberna vostede desde a oposición…

V.P.: Non goberno, recordo que estou na oposición e, desde esta posición, a obrigación de AV é fiscalizar a quen ten a responsabilidade de xestionar o diñeiro de todos os veciños, porque a iso comprometéronse cando tomaron posesión en xuño, pero esquécense de que non teñen os votos suficientes. Esquécense de dialogar e nós non podemos ceder máis.

Reitero, nós estamos fóra porque os tres partidos que conforman o goberno así o quixeron. Esa frase que utiliza a alcaldesa de que ela sempre ten a man tendida, non é certa. Xamais a tendeu desde que tomou posesión. Levamos 100 días de goberno onde as negociacións non poden ser nun café cunha persoa do goberno e despois atoparnos con insultos e mentiras na prensa, ou que collan á xente das listas pola rúa e róguenlles que os apoiemos coma se fósemos colegas aos que temos que facerlle un favor. Iso non é así, gobernar é algo máis serio que iso e xa dixemos que a mesa de negociación é a canle adecuada para facelo.

MN: Considera que hai boa sintonía dentro do goberno ou a dimisión do home forte do BNG ten outras causas, ademais das persoais e laborais que alega Óliver Álvarez?

V.P.: Descoñecémolo. Nós non imos entrar aí pero se lembramos que os tres (BNG-PSdeG e EU) foron moi conscientes da quen querían dentro e como, e recalcárono na toma de posesión clarísimamente. Por tanto, o goberno para nós é un bloque e calquera dos membros que se pronuncie para nós é o portavoz designado nese momento. Porque non temos ningún tipo de comunicación máis que pola prensa.

MN: ¿Segue mantendo que a oposición da esquerda é a propia esquerda?

V.P.: O problema non é de esquerdas ou dereitas senón de persoas que teñan a capacidade para negociar, falar, e principalmente, traballar. Sustentar un goberno con mentiras é complicado.

MN: E vostede ¿volvería tomarse un café co PP?

V.P.: Teño que dicir que son das que me encanta o café e tiña un café pendente co PP porque o dano político e, principalmente, persoal, que se fixo durante o meu mandato foi enorme. Seguramente terei máis cafés pendentes con máis xente, pero falta seriedade e rodadura. En calquera caso, volvería tomarme un café co PP e con calquera persoa da corporación municipal, porque eu nunca considerei que a cuestión política sexa unha cuestión persoal. Eu non son a que puxen liñas vermellas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *