Anibal Aguiar Villar e a Quenda de Garda Psicolóxica especializada de urxencia para mulleres e os seus fillos e fillas menores, Premios Lazo Violeta 2024
“O 25 de novembro conmemoramos o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Esta data lémbranos que as mulleres continúan padecendo as consecuencias dunha violencia, moitas veces silenciosa e que non transcende, pero que segue sendo unha lacra social”. Así arranca a declaración institucional que se levará este xoves ao Pleno da Corporación e que será o que se lea o propio Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, no acto institucional no que toda a sociedade marinense mostrará o seu rexeitamento á violencia machista.
Tal e como se pode ler na declaración, realizada coas achegas da Mesa Contra a Violencia de Xénero e o Consello Municipal da Muller, “en España, 39 mulleres foron asasinadas por violencia de xénero, 10 menores por violencia vicaria e un total de 26 quedaron sen a súa nai”. Os alarmantes datos tamén se len en clave
local: “En Marín, actualmente hai 48 casos activos no sistema VioXen da Policía Nacional, das cales, 21 dispoñen dun teléfono de atención e protección as 24 horas do día”.
Desde a declaración, apélase a toda a sociedade, tratando de focalizar que pode facer cada quen para loitar contra un problema estrutural e abanfante: en canto aos homes, “deben rexeitar os modelos de masculinidade que perpetúan o dominio sobre as mulleres”; o tecido educativo e familiar, “debe responsabilizarse en transmitir unha educación emocional e igualitaria na primeira infancia”; a cidadanía, “loitar contra mensaxes extremas que ás veces ocupan o discurso público”; os medios de comunicación, “protexer sempre a identidade da vítima e a da súa contorna e por o foco no agresor” cando se tratan noticias sobre casos de violencia, e os clubs deportivos, “transmitir valores igualitarios e non violentos, amosando o seu apoio a iniciativas que traballan en prol da igualdade”.
Ademais, faise unha especial mención á mocidade, onde é fundamental traballar con medidas preventivas e formativas, e que se enfrenta a problemas como “o inicio temperán no consumo de alcol, tabaco e drogas ou o acceso incipiente á pornografía, a través das novas tecnoloxías son factores de risco, unidos á tremenda presión e novas formas de violencia que se exercen nas redes sociais”.
Precisamente, sobre este último tema o Concello anunciará unha actividade coa que esperan “atraer a este público, falando o seu idioma e tratando todo o que lles pasa con alguén que lles entende e que sabe como dirixirse á súa xeración”.
Premios Lazo Violeta 2024
Ademais, o Concello, a través do Centro de Información á Muller, fai público en quen recaeran os Premios Lazo Violeta, que tradicionalmente se entregan no acto do 25N. Un deles será para Anibal Aguiar Villar, axente da Unidade de Atención á Familia e Muller (UFAM) da Comisaría de Policía Nacional de Marín que se xubilará, “polo seu labor e dedicación na atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero e a súa inestimable colaboración co Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello de Marín”.
O outro será para a Quenda de Garda Psicolóxica especializada de urxencia para mulleres e os seus fillos e fillas menores, en situación de violencia de xénero, da Secretaría Xeral da Igualdade, en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, “polo seu labor e dedicación na atención urxente en casos de violencia de xénero e a súa inestimable coordinación cos servizos que traballan neste eido”.