A firma Reclamo Estudio estase a encargar dunha intervención artística nos accesos ao Parque Azul de Cantodarea para mellorar a súa estética e sinalización e estender a arte urbana ata o skatepark
Zapatillas, patíns, áncoras, grúas portuarias, gaivotas, gorras, barcos, ondas… O mundo do mar e da cultura urbana e underground fusiónanse e comeza mostrar os seus primeiros resultados na intervención artística que se está desenvolvendo nos accesos e no skatepark do Parque Azul de Cantodarea.
Javier Carrera (Cuco) e Maritza Berttolini, do estudo de arte e mediación cultural Reclamo Estudio, son os artífices deste mural, co que se trata de mellorar a estética e a integración do acceso a esta zona desde a Avenida de Ourense, así como mellorar a sinalización da mesma, posto que “moitas veces había quen nos dicía que nin sabía que atravesando ese túnel había todo isto”, asegura a concelleira, Marián Sanmartín.
O mural, que xa mostra algúns dos paños de parede rematados, tamén tratará de homoxeneizar toda a imaxe común do espazo, englobando na ilustración o skatepark e o paso subterráneo, no que tamén se levarán a cabo melloras de cara a súa limpeza e salubridade.
Ademais, estase a ver unha solución para dúas das rampas do skatepark, co obxectivo de mellorar o entronque entre os módulos e o chan, colocando unhas pletinas. “Esperamos que nas próximas semanas poidan colocarse esas chapas, mellor feitas e adaptadas incluso das que xa había antes para deixar as rampas en perfecto estado para que todas as rapazas e rapaces que veñen aquí patinar poidan facelo en perfectas condicións”.
En xeral, desde o Concello estase traballando por poñer en valor este espazo portuario, coa mellora do skatepark, esta intervención artística en marcha e a remodelación do parque infantil. Tamén se renovarán os vinilos do Espazo Emprendedor, tamén estropeados polo paso do tempo.
“O Parque Azul ten todo para todos os públicos: zona de paseo, conexión co mar, un espazo de emprendemento no que aínda temos prazas libres, un local municipal para asociacións, un skaterpark, unhas canchas de baloncesto e un parque infantil. Cremos que é un lugar para seguir potenciando e mellorando e no que a arte urbana gráfica encaixa á perfección”, asegurou Sanmartín.