Bueu aspira a ter unha das mellores hamburguesas de España. Silvia Carballo, concelleira de Promoción económica e turismo, mantivo esta semana un encontro con Tatiana e Iván Teixeira, xerentes do local A Esmorga, situado na contorna da Praza Massó, que é dende o que partiu a iniciativa de presentarse á terceira edición do certame culinario no Campionato de España de Hamburguesas “Best Burger Spain”, que promoven dende Fenicia Marketing Gourmet, e que premia a mellor proposta de hamburguesa de España.
Carballo deu os parabéns aos promotores desta iniciativa, e salienta que “é importante apoiala porque segue afianzando a calidade da nosa hostalaría e dos nosos produtos, ao tempo que tamén impulsa o turismo e o coñecemento da vila de Bueu”. Precisamente, cos produtos e a tradición como eixes centrais é de onde parte a proposta que prepararon para o certame e que, segundo Iván Teixeira, “pretende evocar o ambiente que se creaba ao lado das lareiras e das cociñas das nosas avoas, cos busca de produtos galegos e cos que xerar esta sensación nas persoas que a degusten”. A hamburguesa leva o nome de “Alma afumada” e está elaborada con vaca galega de sete anos, panceta afumada, queixo cheddar galego, cebola crocante, maionesa carbón e demi glace.
Tanto dende o local hostaleiro como dende a concellaría que dirixe Silvia Carballo convídase a toda a veciñanza da vila a probar esta hamburguesa e a votar no concurso que estará en marcha dende o 1 ao 28 de febreiro. Tal e como explican, o procedemento é moi sinxelo, pois ao degustar a hamburguesa, a persoa recibirá un código QR para votar con acceso a unha páxina web, co que tamén entrará no sorteo dun premio económico.