Unha delegación da Agència de Residus de Catalunya iniciou hoxe a súa
visita á provincia de Pontevedra para coñecer de primeira man o modelo de compostaxe local de ‘quilómetro zero’ do Plan Revitaliza. Trátase dun encontro que durará dous días no que se pretende intercambiar coñecemento e, ademais de amosar o modelo pontevedrés, aprender das iniciativas que se están a aplicar en Cataluña, un dos territorios do Estado máis solventes en materia de residuos.
Unha vez rematada a recepción institucional na Deputación, a delegación catalana
trasladouse ata o concello de Moaña, onde foi recibida pola alcaldesa Leticia
Santos, e a tenente de alcaldesa, Marta Freire, e visitou os centros de compostaxe da Praza de Abastos e da praza Lola Diz recibindo unha explicación da xestión dos centros a cargo da mestra composteira responsable.
O concelleiro de Medio Ambiente, Odilo Barreiro, presente tamén no acto explicoulles cómo foron os inicios de implantación do sistema de compostaxe comunitario e o avanzado no compostaxe individual. Ademais, recomendoulles no ámbito político «non fuxir do conflito senón expor o conflito como unha posibilidade de cambio para que iso permita que a xente vaia concienciándose dun tratamento diferente de xestión de bioresiduos».
Visita a Vilaboa
Posteriormente a xornada continuou en Vilaboa, cunha visita ás instalacións de Monte do Cabalo onde presenciaron as tarefas de trituración do punto verde para dotar de estruturante aos centros de compostaxe. Finalmente coñeceron o centro de compostaxe do xeriátrico, un produtor singular, que se xestiona de maneira específica.
O máximo responsable político da axencia, Isaac Peraire, amosouse agradecido á equipa da Deputación polos dous días de traballo na provincia. A de Pontevedra, dixo, é a súa primeira viaxe unha vez que o novo goberno de Catalunya creou unha consellería de Acción Climática na que están englobadas tanto as áreas de residuos, agricultura como cuestións ambientais. Segundo asegurou, a visita para coñecer o Revitaliza organizouse porque “gústanos mirar aos que o fan mellor ca nós”.
Peraire recoñeceu que “hai un ámbito específico que queremos aprender de aquí”, e a pesares de que hai tempo que existen as relación entre os dous entes, “agora queremos dar saltos adiante, e por iso os dous días imos aproveitar para coñecer máis e mellor os aspectos técnicos e legais da compostaxe en quilómetro zero, que é unha filosofía e unha forma de traballar que queremos aplicar tamén en Cataluña, en diferentes sitios e territorios do noso país”.