Ao igual ca en anos anteriores, estará no baixo da r/ Pazos Fontenla, 40, do 5 ao 16 de agosto, en horario de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas
Un ano máis, Cáritas Bueu organiza o mercado solidario de verán, que se desenvolverá do 5 ao 16 de agosto nun baixo comercial da rúa Pazos Fontenla, 40. O horario será de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, e as persoas que se acheguen poderán facerse, entre outros, con produtos de electrónica, roupa, xoguetes ou libros, que foron doados por persoas particulares e institucións públicas e privadas. Así o salientou Pepe Pais, director de Cáritas Bueu, durante o acto de presentación que tivo lugar este xoves no salón de plenos da Casa do Concello, coa presenza do alcalde de Bueu, Félix Juncal, e do párroco da vila, José López.
Esta iniciativa, que xa conta cun percorrido de máis de dez anos, ten dous propósitos: obter máis fondos para a atención prestada ás familias durante todo o ano, e dar a oportunidade de que as persoas bueuesas e visitantes se sintan colaboradoras desta acción social que é posible grazas á doazón de produtos de forma solidaria por parte do comercio local e as persoas voluntarias.
O alcalde agradeceu e recoñeceu a labor levada a cabo por este organismo que fai posible durante todo o ano que moitas persoas e familias poidan saír de diversas dificultades. Así mesmo fai un chamamento para que a cidadanía participe e colabore neste mercado solidario.