A actividade terá lugar na Sala Multiusos do Centro Social do Mar ás 18 horas, con entrada de balde ata completar capacidade
Este martes, 24 de outubro, con motivo do Día das Bibliotecas, a Sala Multiusos do Centro Social do Mar acollerá o contacontos ilustrado e musicado “Periplo Atlántico” do colectivo Polo Correo do Vento, formado por Enrique Mauricio e Carlos Taboada. A actividade está impulsada pola Concellería de Cultura, Mocidade e Normalización Lingüística e a actividade forma parte da Rede Municipal de Bibliotecas de Bueu.
O obxectivo é promover o interese pola lectura e os relatos, á vez que se fomenta o desenvolvemento da creatividade e da expresión artística da rapazada de 4 anos en diante. ‘Periplo Atlántico’ é unha versión moi libre de ‘O negriño panchito’, de Castelao. A agrupación Polo Correo do Vento fan unha versión escenificada en homenaxe a Castelao e o seu ‘Panchito’.
O relato conta a historia de Panchito, un pingüín que vive en Bueu onde non hai ningún coma el. Un día calquera sente, coma os mozos da súa vila, anceios de ver mundo… e entón, embarcará de polisón nun barco descoñecido que o levará a vivir un periplo polo océano atlántico cheo de aventuras.