O espectáculo ‘The primitals’, da compañía madrileña Yllana & Primital Brothers, gañou o Premio do Público desta XXXVII Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC). Este ano, de maneira excepcional e por razóns de seguridade pola pandemia da Covid-19, a votación non se fixo directamente en urna despois de cada obra, senón que elixiouse un comité integrado por representantes do Concello de Cangas, de asociación cultural Xiria, do equipo organizador da Mostra e do público.
Yllana é unha das compañías españolas con maior traxectoria no ámbito do teatro de humor xestual. Actualmente abarca dende a creación e produción dos seus propios espectáculos
até a distribución, a dirección artística ou a xestión de espazos teatrais.
O espectáculo ‘The primitals’ espertou unha grande ovación do público o venres pola noite
en Cangas, na que era a estrea da obra en Galicia. ‘The primitals’ é unha divertidísima
comedia musical a capela que conta a historia de catro aboríxes dun planeta que podería
ser o noso. Catro artistas que engaiolan e namoran coa música dos mil xéneros que
absorberon nas súas viaxes polos confíns do espazo tempo. Chamanismo a catro voces.
Traxicomedia a capela.
O espectáculo é unha hilarante comedia musical a capela, con dirección de Joe O’Curneen
(Yllana), dirección musical de Santi Ibarretxe e protagonizada por catro aboríxenes: Íñigo
García Sánchez, Pedro Herrero, Adri Soto e Manu Pilas.
Durante o espectáculo versionan 25 cancións coñecidas por todos a capela. Dende o tema
principal de ‘Misión Imposible‘ a bandas sonoras de películas como ‘Indiana Jones‘, ‘Star
Wars‘ e ‘E.T.‘, pasando pola cabeceira de ‘Xogo de Tronos‘ ou ‘Carmina Burana‘. ‘The primitals’ recibiu o ‘Premio do público ao Mellor Espectáculo Musical’ do Festival Off de Avignon (Francia) no ano 2019.