Lembra a importancia do emprego para abrir as portas da liberdade ás mulleres e resalta que contra este tipo de violencia “non valen as siglas, as bandeiras, nin as pancartas”
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, reivindicou o poder da sociedade civil na loita contra a violencia de xénero, poñendo como como exemplo o compromiso coa igualdade, o esforzo e a sensibilidade social da empresa Rosa de Los Vientos que, da man do Concello de Marín, forma parte dun programa para empregar a persoas vítimas desta lacra.
Na visita ás instalacións da planta, pertencente ao sector da transformación de produtos do mar, manifestou que “a loita contra a violencia de xénero é un compromiso de todas as administración públicas pero ten que ser, sobre todo,
un compromiso do conxunto da sociedade”, incidindo en que cada un de nós pode aportar dende as súas posibilidades.
Acompañado pola vicesecretaria de Igualdade do PPdeG, Raquel Touriño, o número dous dos populares galegos lembrou que o emprego abre as portas da liberdade ás mulleres, un acceso que permiten empresas como Rosa de los Vientos, que exerce un labor social “tremendamente importante” nunha loita onde “non valen as siglas, as bandeiras, nin as pancartas”.
Segundo recoñeceu, actuacións como as desta fábrica, fundada pola familia Otero na década dos 90, permiten construír unha sociedade máis xusta, igualitaria e con tolerancia cero ante a violencia de xénero.
Así mesmo, agradeceu tamén o compromiso da alcaldesa de Marín, María Ramallo, e do seu executivo municipal, que fan posible que programas para a contratación de persoas que padeceron os efectos deste tipo de violencia se poidan levar a cabo.