As pandereiteras realizan estes días obradoiros en distintos centros educativos e ocupacionais da península do Morrazo

A península do Morrazo vibra esta primeira semana de marzo, na que se celebra o 8 de Marzo, ao compás da pandeireta. Tanxugueiras presentará este venres 6 en Cangas o seu segundo disco, Contrapunto, un álbum no que o grupo explora os lindes da música tradicional e canta á liberdade e ao empoderamento da muller.

O trío conformado polas pandereteiras Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro actuará a partir das 21.30 horas no auditorio municipal de Cangas. Será un directo rebordante de enerxía e cunha coidada posta en escena, no que Tanxugueiras pretende implicar ao público nos relatos que transmiten as cancións do novo disco para levalo da intimidade á euforia. A cita, cuxas entradas están dispoñibles no web oficial www.tanxugueiras.com, enmárcase na xira de presentación de Contrapunto, na que o grupo está a promover distintas actividades en cada un dos territorios nos que actúa á fin de dar a coñecer e visibilizar a música tradicional e a súa renovación, especialmente entre o público máis novo.

Ao longo desta semana, Tanxugueiras ofrece distintos obradoiros en centros educativos no Morrazo, nos que promove o achegamento á música desde a proximidade. Nestas accións, nas que dan visibilidade á cultura e letras populares, a recollida das coplas e o seu apego á actualidade, as pandereteiras promoven o encontro coa música como ferramenta para o empoderamento feminino, integración e xeración de comunidade. Así, na mañá deste martes, Sabela, Aida e Olaia estiveron co alumnado do IES Illa de Ons e do IES Johan Carballeira, ambos en Bueu.

De cara ao venres 6, o grupo visitará a escola infantil A Pedra, tamén en Bueu, e o centro ocupacional da Asociación Juan XXIII en Cangas. A xira de Contrapunto continuará nas localidades de Vilalba e Monterroso a vindeira fin de semana. Ademais, no mes de xuño, o grupo actuará en Setúbal, na sexta edición da EXIB Música – Expo Iberoamericana de Música; en xullo no festival Gooikoorts, en Bélxica; e no mes de setembro formará parte do cartel do Bromyard Folk Festival, no Reino Unido.

Contrapunto
Co seu primeiro traballo, Tanxugueiras, as artistas percorreron máis de 100 escenarios e iniciaron unha proxección internacional que as levou a actuar na India, en Suíza, en Cuba ou Escocia. Agora, con Contrapunto, disco finalista dos XII Premios MIN de la Música Independiente na categoría Mellor álbum galego, as pandereteiras buscan novos horizontes na música tradicional galega.

Neste segundo álbum, no que Aida, Olaia e Sabela asumiron a definición artística e musical coa colaboración de Isaac Palacín, plasman a evolución do sen sentir musical e propoñen dez temas confeccionados a partir de letras tradicionais recollidas en diferentes puntos de Galicia e que renovan arranxos actuais. Con elas, a modo de espello, o grupo fía cinco relatos, cada un coa súa cara e a súa cruz, nos que cantan ao empoderamento da muller, á deslealdade e á traizón, á liberdade política, á amizade, á vida, á liberdade de decisión, a crítica á ditadura ou ao desengano.

O álbum, editado por Calaverita Records e PlayPlan, está dispoñible en todas as plataformas dixitais para a súa escoita e para a venda en tendas físicas e online, así como
nos concertos do grupo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *