Según anuncia a organización nas súas redes sociais, Susana Seivane confirma a súa presencia no XXXVII Festival Intercéltico do Morrazo deste ano 2021. Desde que iniciou a súa andaina como solista aos 20 anos, Susana Seivane creou un estilo xenuíno que, lonxe de perder de vista o aire enxebre dos antigos gaiteiros, ábreo a outras músicas. Unha mestura áxil e moderna que afonda o seu raizame no máis profundo da tradición galega, deixando arrolar a súa ramaxe nos ventos dos novos tempos. Susana volverá a soar con forza no escenario do XXXVII FIM que se celebrará en Moaña entre o 30 de xullo e o 1 de agosto de 2021.
Ao igual que o tribalismo neofolclórico galego chegará neste festival con Xosé Lois Romero e Aliboria. Moitos poderano tentar, pero poucos poden conseguir trasladar esa sensación de latexo intenso, de zunido terrestre, de tribo atemporal, de música telúrica extirpada da terra, de ritmo racial coma o conseguen Xosé Lois Romero e Aliboria. Así o ven demostrando en cada concerto este combo galego dende que editou o seu primeiro disco homónimo que servía como revulsivo dun xeito diferente e salvaxe de acometer a música tradicional de Galicia: seis voces femininas harmonizadas e catro percusionistas masculinos, armados cun variopinto arsenal de instrumentos de percusión tradicional levados a un novo xeito de ser tocados e mesmo construídos.