O motivo foi o debate da moción dos populares solicitando un paquete de facturas que, cren, non se pagaron polo proceso adecuado e entre as cales estaría as de promoción turística de Cangas
O pleno ordinario celebrado na tarde noite de onte transcorría con certa normalidade ata case o final, cando se debateu o polémico asunto das facturas que o PP pide porque considera que se inflou a factura polo cercado das dunas de Rodeira para asegurar a súa recuperación tras o desastre provocado polas máquinas no verán e porque cre que a Alcaldesa está a pagar unha asesoría de imaxe camuflada co concepto promoción turística de Cangas. Aínda que no paquete de documentación que reclama tamén se inclúen os pagos pola certificación das obras de reforma da escola infantil A Choupana.
Tres asuntos diferentes que foron abonados, din os populares, sen seguir o proceso adecuado e en cuxas argumentacións se mesturaron continuamente. Aínda que, claramente, o que quixo destacar o grupo que encabeza José Enrique Sotelo foi o referido á suposta asesoría de imaxe que finalmente é promoción turística do municipio. Unha partida incluída na área de Alcaldía, segundo explicou Victoria Portas, na que, precisamente, reduciuse o gasto a máis da metade este ano.
«No ano 2019 pagouse por promoción e publicidade 21.086 euros, no 2020 pagáronse 11.824 euros e en 2021 levamos 9.400 euros exactamente co mesmo procedemento que se fixo noutros momentos e para un concello de 20.000 habitantes supón un 0,006% do orzamento e está marcado na ordenación interna. Vostede, ademais, díxome que eran facturas por asesoramento de imaxe, non de promoción do pobo de Cangas como é o caso», respondeu a rexedora ás acusacións do portavoz do grupo municipal popular, José Enrique Sotelo, que ameazou á Alcaldesa con acudir aos xulgados. «Falan de contratos que nin sequera teñen reparo e iso significa que teñen todos os informes incluídos no expediente», apostilou Portas.
O BNG tampouco quixo apoiar a reclamación dos populares ao considerar que «hai mocións que parece que o único sentido que teñen é o desgaste dunha persoa (en referencia á Alcaldesa)». «O ataque continuo na prensa, que se faga eco nas redes sociais ata o punto de traer unha moción ao pleno neste sentido… Non será tan difícil conseguir as facturas. Por tanto, consideramos que esta moción ten unha función de desgaste persoal, de acoso e derriba e non imos apoiala», interveu e xustificou a edil nacionalista Lourdes Rial.
Pola súa banda, si o fixo Avante! alegando que «algo haberá» ao non recibir resposta á súa solicitude de información sobre as devanditas facturas.
Foi ao final do debate, tras a intervención do edil de Facenda, Mariano Abalo, que acuso a Sotelo de «mentir», cando o ambiente aumentou a súa temperatura e Sotelo atacou á Alcaldesa definíndoa como «marioneta» de Abalo, ao que tachou coma «cáncer de Cangas». Isto incendiou aínda máis o salón de plenos ao considerar Portas que se lle insultou. «Eu non faltei o repesto a ninguén e non o vou a permitir», advertiu.