Marín sufriu esta fin de semana un corte de auga por unha avaría nas Corbaceiras. Detectouse onte pola mañá cando deron a voz de alerta de que non había auga nalgúns puntos de Marín, momento no que se deu aviso á Brigada de Augas que se atopaba de garda. Coordinados polo enxeñeiro municipal, detectan que o fallo está na tubería do litoral.
Nese momento, proceden a contactar con Viaqua, empresa subministradora de auga no Concello de Pontevedra, e confirman que existe unha avaría nas Corbaceiras.
Desde ese momento, fanse todos os labores precisos para abastecer pola tubería da parte alta, correspondente coa instalación de Acuaes, a través do depósito de Pardavila. Estes traballos levan todo o día e trabállase durante a noite para garantir en todo momento o subministro de auga en condicións.
Desde media mañá de hoxe, o servizo está restablecido a través desta vía, surtindo de auga á poboación e ao Porto.
As partes máis resentidas foron as partes altas de Seixo, que se viron máis afectadas durante a xornada de onte, pero que a partir deste mediodía xa terán a presión suficiente.
Estaremos pendentes das reparacións que desde Pontevedra leven a cabo na rede do litoral, pero grazas á rápida intervención da brigada municipal xa temos garantido o subministro en todos os núcleos e na actividade portuaria.
Debido ás variacións de presión ata que se axusta o novo subministro, detectouse unha pequena rotura na Rúa Gago de Mendoza, que tamén está sendo xa arranxada.
Pola súa parte, os depósitos municipais de Pedreiras, Cadrelo e Pardavila están en perfecto funcionamento. A eles, unirase o da Costa cando rematen as obras de mellora que se están executando.