Esta mañá, o Concello de Marín acolleu a celebración da Mesa de Contratación para licitar o proxecto de renovación do pavimento dos viarios da Barriada da Virxe do Carme, unha actuación coa que mellorar as condicións de mobilidade existentes, conseguindo un núcleo máis seguro e acolledor.

Á licitación presentáronse seis empresas, que agora serán valoradas polos equipos técnicos municipais, para a posterior adxudicación e inicio das obras. Na actualidade, os viarios municipais da urbanización Virxe do Carme, debido á súa antigüidade, presentan defectos no estado dos seus pavimentos de calzada, polo que resulta necesaria a súa renovación.

A renovación dos pavimentos de calzada nos viarios considerados neste proxecto ofrece unha mellor mobilidade, mellorando o espazo dos peóns e mantendo todo o tránsito de vehículos e todas as prazas de estacionamento.

Parte dos viarios pertencen ao INVIED, polo que unicamente se contemplan actuacións nos viarios de titularidade municipal, que na actualidade dispoñen de pavimento de aglomerado asfáltico nas súas calzadas.

Estes viarios son os paralelos á rúa Jaime Janer: 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7 e 8 (segundo plano) e os paralelos á rúa Francisco Landín Pazos: 9, 10, 11, 12 e 13. Por tanto, a superficie do ámbito de actuación do presente proxecto é de 8.294 m2.

Dada a renovación do pavimento das calzadas nos viarios municipais do interior da Urbanización Virxe do Carme resulta necesaria a reposición da sinalización horizontal, que coincidirá coa existente na actualidade, mantendo os mesmos sentidos de tráfico, as mesmas zonas de estacionamento, pasos de peóns, etc…

O orzamento base de licitación é de 215.400,00, que se financiarán con cargo ao Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *