As 33 vivendas que se beneficiarán da instalación do novo servizo de abastecemento poderán conectarse á rede municipal, resolvendo os problemas que se producían coa traída veciñal
O núcleo de Bexe xa está en obras para poder dotar ao lugar da nova rede de
abastecemento que lle permitirá aos veciños e veciñas conectarse á traída
municipal. Con eles mantivo unha reunión a pé de obra o concelleiro de Medio
Rural, Pablo Novas, esta semana.
“Reunímonos con eles para visitar o comezo da obra por parte de COVSA,
empresa que resultou adxudicataria, e que xa está traballando no terreo. E, sobre
todo, para explicarlles como se procederá a partir de agora para que poidan
conectarse e xestionar a alta no servizo”, explicou o concelleiro.
Novas afirma que esta obra supón “unha importante mellora na calidade de vida
de Bexe” e, de feito, “os veciños mostráronse moi ilusionados, xa que damos
resposta a unha das demandas que tiñan desde hai anos”. E é que ata agora as
súa traída veciñal non era abondo na época do verán, na que sempre se
producían problemas con subministro, algo que xa non acontecerá coa conexión
á traída pública.
Os traballos teñen un prazo inicial de execución de 3 meses, polo que de cara á
época estival xa estará rematada a actuación e posta en funcionamento. “Con
esto seguimos demostrando o noso compromiso total co rural, para que teña uns
servizos públicos de calidade, igual ca no casco urbano”, afirmou o edil.
En total, son 33 vivendas as que se verán beneficiadas deste proxecto, no que se
investirán máis de 126.600 euros con cargo ao Remanente de Tesourería.