Unha embarcación de Salvamento Marítimo rescatou esta tarde aos dous tripulantes dunha lancha que quedou á deriva nas proximidades de Cabo Home, na zona de Santa Marta, en Cangas.

Foi un dos membros da tripulación da lancha quen contactou co 112 Galicia para alertar da súa situación, ao fío das seis menos cuarto. Indicaba na súa chamada que quedaran sen motor e que, tras amarrar a embarcación a unha batea, romperan o cabo e remataran á deriva. Engadía que ningunha das persoas que navegaban na lancha precisaba asistencia médica.

Axiña, con estes datos, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento de Salvamento Marítimo, que mobilizou unha embarcación de rescate.

Ademais, desde o CIAE 112 Galicia informouse ao Servizo de Gardacostas de Galicia, á Garda Civil e á Policía Local.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, a Salvamar Mirach rescatou, sans e salvos, aos tripulantes, cuxa lancha, que permanecía ancorada a cincocentos metros da Praia de Santa, foi remolcada ata o porto de Chapela por esta mesma embarcación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *