A Deputación de Pontevedra vén de rematar as obras de mellora da drenaxe
lonxitudinal na estrada provincial EP-1201 Marín- Penizas, ao seu paso polo lugar
de Castro, onde se investiron preto de 50.000 €. A través desta actuación, a
institución provincial procedeu á limpeza de ambas marxes da estrada e á
instalación de drenaxes e saneamentos nun tramo situado entre A Brea e A
Porteliña.
Mediante estas obras de mellora continuáronse as tarefas desenvolvidas xa
anteriormente na EP-1201 para incrementar a súa seguranza viaria, enmarcadas
no modelo de mobilidade segura da institución provincial. En concreto, en primeiro
lugar procedeuse á limpeza das cunetas por ambas marxes e, a continuación, á
colocación dunha gabia drenante ou de saneamento. Amais, canalizáronse as
augas pluviais nas marxes da estrada cun colector e cuneta practicable de
formigón para mellorar a drenaxe lonxitudinal nun tramo de 510 metros.