A alcaldesa de Marín, María Ramallo, acompañada dos concelleiros Pablo Novas, Marián Sanmartín e Manuel Santos, acudiu á zona de Pedreiras de Arriba, na que se estivo a actuar nos últimos meses, levando a cabo unha rehabilitación integral que inclúe a instalación dunha rede de saneamento separativa e toda a repavimentación.
Nesta fase, que xa está finalizada, investíronse 202.464,89 euros. Agora, tal e como explicou a rexedora, están a procurar a financiación precisa para continuar coa execución deste proxecto, que se divide en catro fases totais, pola natureza da actuación.
Pedreiras de Abaixo será ese seguinte tramo no que se actúe e co que se siga traballando na liña de poder instalar toda a rede separativa no municipio, algo esencial para mellorar de xeito integral o saneamento da vila, e para ofrecer servizos públicos de calidade en todos os barrios.