Os populares sinalan que non é a primeira vez aue levan este tema ao pleno, “ a pesar de ser un asunto de seguridade viaria o goberno local non tomou ningunha medida ao respecto” denuncian
O Partido Popular de Cangas presentou unha moción para ser debatida no próximo Pleno da Corporación Municipal onde reclaman ao goberno local que actúe sobre a deficiente accesibilidade da rede semafórica municipal. Dende o grupo municipal explican que na actualidade non se cumpre a normativa en vigor na materia e reclaman medidas.
“Practicamente en ningún dos semáforos do noso municipio ten en funcionamento os dispositivos sonoros que indican ás persoas invidentes cando poden cruzar” explican. Esta situación está provocando situacións de enorme perigosidade, sobre todo en puntos como o
cruce da rúa Noria coa avenida de Ourense na que un dos semáforos permanece en ámbar, “polo que non lles serve guiarse polo ruído dos vehículos cando permanecen parados” explican. “Trátase de seguridade viaria e das vidas das persoas con especial vulnerabilidade como son as persoas con discapacidade” insisten, polo que non entenden que non se respondera aos escritos presentados por particulares no Concello. “Parécenos de unha gran
insensibilidade” critican.
O grupo maioritario da corporación insiste en que non é a primeira vez que levan este asunto nunha moción. “O fixemos no pasado mandato sen que o goberno local fixera ningún caso” recordan. “Como acontece con tantas mocións quedaron a durmir nun caixón sen ningunha xestión por parte dos responsables municipais” engaden. Por outro lado sinalan que un dos puntos que se atopan nesta situación son os semáforos situados frente a casa consistorial. “Resulta sangrante que despois da importante inversión realizada fai uns anos teña deficiencias tan importantes” protestan. “É unha cuestión que non supón unha gran inversión de fondos públicos” insisten, “senón de compromiso real nesa materia” sinalan.
A estas deficiencias engaden outras relativas a obras novas como o paso de peóns que está marcado con plataforma pododáctil na avenida de Lugo pero non que non existe o paso de peóns. “Imaxinamos que a idea inicial era poñer un paso de cebra elevado tipo badén pero remata a obra e transcurridos varios meses segue igual” explican. “Agora que chegou a chuvia parece que teñen a vontade de asfaltar e deixaron os contedores enriba da beirarrúa, impedindo o paso e cos pedales para abrilos contra a parede, polo que imposibilitan o seu uso as persoas con algún problema de mobilidade” razonan. “Non pode haber cidadáns de primeira e de segunda polo que exiximos ao goberno da sra. Gestido que tome nota e que se poñan mans ao obra para subsanar estas defeciencias coa maior celeridade posible, comezando por puntos de especial perigosidade como o mencionado do cruce da rúa Noria coa avenida de Ourense“ rematan.